‘Xantar 2025’ pechou onte as portas da súa 26ª edición poñendo fin a catro días de intensa actividade, traballo e confraternización nos que 75 expositores deron a coñecer os seus recursos turísticos e gastronómicos e durante os que o Mercado Enogastronómico foi a principal novidade e punto de encontro grazas aos concertos diarios.
O Salón Internacional de Gastronomía contou cun programa con máis de 142 actividades repartidas en 2 aulas gastronómicas, 1 aula de cata e unha aula dedicada en exclusiva ás actividades de Estrela Galicia. Talleres de cociña, degustacións e catas estiveron completas desde o primeiro día ata o último e que contaron cun total de máis de 4.000 asistentes. O director xerente de Expourense e presidente de Xantar, Rogelio Martínez explicou que “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro e de formación”. En total, o salón rexistrou 12.000 visitas durante os catro días de celebración do salón.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Un espazo no que, unha vez máis, tiveron presenza as excelencias do consorcio turístico Porto e Norte de Portugal e os seus concellos, entre os que cabe salientar Alijó, irmanado co Concello do Carballiño, e que tivo como referente musical o Rancho Folclórico de Pinhao, que cos seus cantos e posta en escea dos oficios tradicionais da zona, fixo as delicias do público que se achegou ata Expourense.
Non podía faltar tampouco a oferta gastronómica da indicación xeográfica protexida do pemento da Arnoia co seu alcalde, Rodrigo Aparicio, que xa avanzou algunha novidade que podería incorporarse ao panorama de recursos agrícolas do seu municipio.
E Xantar tamén acolleu a unha das empresas galardoadas cos Premios ao Emprendemento, a froitería ‘Amoras’ de Carballiño, con Ana Rodríguez á fronte, un proxecto que combina a venda coa elaboración de combinados e a participación en eventos.
O acto de clausura, no que participaron o director da Axencia de Turismo, Manuel Merelles; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o presidente da Deputación Luis Menor, tivo como protagonista a exaltación da Festa do Pulpo do Carballiño, coa presenza do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, e o tamén carballiñés e pulpeiro Paco Gómez. Asemade, incluíu a entrega dunha placa conmemorativa a Carlos Rodríguez, en agradecemento ao apoio prestado durante 26 años coma presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea.
A próxima cita feiral en Expourense será esta mesma semana. Do venres 28 de novembro ao domingo 30, acolle a 9ª edición de ANTIQ AURIA, Feira Internacional de Antigüidades.
















