Dende o CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo veñen de anunciar unha actividade moi especial que se vai celebrar neste centro de ensino e que consideran de grande interese para a comunidade educativa. Trátase da representación teatral anual que protagoniza todo o alumnado do colexio, e que terá lugar o vindeiro mércores, 17 de decembro, a partir das 14,15 horas.
Unha obra teatral preparada e interpretada por todo o alumnado, onde nenos e nenas de diferentes idades traballan xuntos, todo infantil e primaria mesturados, compartindo escena e asumindo cada un deles un papel fundamental. É un proxecto no que todos dependen de todos, e no que se implica o centro ao completo.
Detrás desta posta en escena hai un intenso labor colectivo: ensaios, elaboración da decoración, confección do vestiario e a completa ambientación do colexio, que se transforma arredor dunha obra literaria elixida para a ocasión. Esta obra, ademais, adoita ser traballada previamente no noso club de lectura, de maneira que o proxecto teatral se converte tamén nunha experiencia lectora e formativa.
Un dos elementos máis chamativos é a elaboración dunha pancarta xigante coa portada da obra, que cobre a fachada do centro e anuncia a celebración do evento dun modo moi visual e festivo.
A representación contará, como cada ano, coa presenza das familias, cuxo número e participación non deixa de medrar, converténdose nun encontro comunitario cheo de ilusión, esforzo e creatividade compartida.

















