- O último informe de entregas de leite cru publicado polo MAPA, confirma que os prezos galegos seguen sendo os máis baixos do estado español e, por primeira vez, hai menos de 5000 granxas de leite na Galiza.
- A pesar da baixada de granxas, a produción non minguou, o que evidencia un proceso de concentración que expulsa ás pequenas e medianas producións.
Galiza, 4 de decembro de 2025. O último informe de declaracións de entregas de leite cru a primeiros compradores publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), correspondente ao mes de outubro de 2025, confirma dúas tendencias preocupantes para o sector leiteiro galego: os prezos seguen entre os máis baixos do estado español e, por primeira vez, o número de granxas con entregas de leite baixou da barreira das 5.000.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Tendencia á baixada de prezos e á desaparición de producións
Segundo os datos oficiais, en outubro só 4.987 granxas galegas entregaron leite, fronte ás 5.284 que o facían hai apenas un ano. Nos últimos catro anos desapareceron aproximadamente 1.400 granxas leiteiras naGaliza, unha tendencia que non cesa e que supón a perda dun modelo produtivo baseado na granxa familiar e ligada á terra.
En canto aos prezos, as ganderías galegas recibiron de media 0,524 euros por litro en outubro, unha cifra que, malia un lixeiro incremento respecto aos meses anteriores, segue por debaixo da media estatal (0,535 €/litro) e de comunidades como Castela e León (0,551 €/litro) ou Cataluña (0,529 €/litro). Galiza produce o 42% do leite de todo o Estado e segue cobrando menos que a maioría. Outro tema que nos preocupa e no que xa temos incidido no pasado, é que o diferencial entre o que cobran as granxas máis pequenas e as máis grandes chegou no mes de setembro (datos da Consellería de Medio Rural) a 10 céntimos: 43,47 as máis pequenas e 53,26 as máis grandes.
Por outra banda, é significativo que, mentres desaparecen granxas, a produción mantense estable. “O espazo que van deixando unhas granxas, ocúpano outras que son cada vez de maiores dimensións“, sinala Xulio Fernández Carnero, coordinador do sector lácteo do SLG. “Isto tradúcese en menos granxas nas aldeas e nos territorios, pero as que quedan teñen un impacto moito maior: concentración de animais, incremento de grandes instalacións e maior presión ambiental en puntos cada vez máis localizados”. En definitiva, un modelo que expulsa ás pequenas e medianas producións e que pon en risco a sostibilidade ambiental e social do rural galego.
Un sector acosado por múltiples problemáticas
Dende o Sindicato Labrego Galego recalcamos que a situación do sector leiteiro vese agravada por unha acumulación de problemáticas que asfixian a súa actividade: a falta de relevo xeracional, a ameaza constante de epidemias, a excesiva burocracia e a incerteza lexislativa.
A isto súmanse o decreto de ordenación de granxas, o decreto de nutrición de solos, a presión de proxectos como plantas de biogás, macrocelulosas como Altri, minerías e outros proxectos industriais que compiten polos recursos do territorio, así como polas axudas públicas. Tamén unha orientación das políticas agrarias que empuxa continuamente cara a investimentos cada vez maiores.
Ademais, as ganderías enfróntanse a unha crecente presión e competencia pola base territorial, nun contexto marcado por unha PAC inxusta e cunha gran incerteza sobre o futuro.
As nosas esixencias
Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos que as políticas agrarias seguen a favorecer un modelo de intensificación que non responde ás necesidades do noso territorio nin da nosa gandería. Esiximos prezos xustos para todas as persoas labregas e medidas que freen a desaparición das granxas familiares, faciliten o relevo xeracional, reduzan a carga burocrática e garantan prezos xustos para un sector que é o verdadeiro sostén do rural galego.














