A Praza de Abastos do Carballiño acolle este sábado unha degustación de porco celta

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), en colaboración coa Deputación de Ourense e Cociñeiros Ourense, organiza durante o mes de decembro unha serie de degustacións en distintas prazas de abastos da provincia. A iniciativa enmárcase na segunda fase do roteiro “Mercado en Rural con Porco Celta”, que regresa tras o éxito da primeira edición celebrada en abril.

Este sábado, 13 de decembro, o porco celta será o protagonista no Carballiño, coincidindo coa plena tempada de Nadal, cunha actividade que terá lugar a partir das 12,00 horas. Unha degustación na que participará o chef ourensán Marco Varela, de Casal de Armán (Ribadavia), que sorprenderá ao público con elaboracións nas que tradición e innovación se darán a man, sempre co Porco Celta como ingrediente central.

“Mercado en Rural con Porco Celta” intégrase na campaña de promoción “Tan noso”, coa que Asoporcel rende homenaxe á identidade, á terra e á cultura galega. Cunha traxectoria de máis de 25 anos na recuperación e posta en valor da raza, a asociación procura destacar o Porco Celta como símbolo de compromiso co territorio e coa nosa gastronomía.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------