O BNG presenta enmendas aos orzamentos da Xunta para 2026 reclamando investimentos que consideran necesarios para O Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo parlamentario do BNG presentou varias enmendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 co obxectivo de incluír neles diferentes proxectos de mellora no concello do Carballiño e garantir o seu financiamento. “Porén, o Partido Popular rexeitou todas as propostas, impedindo a inclusión de actuacións en estradas de titularidade autonómica ao seu paso polo municipio, así como a
apertura da posibilidade de ampliar no futuro a Praza da Veracruz”, apuntan dende esta formación política.

O grupo nacionalista reclamaba melloras na estrada OU-208, como a reparación ou construcción de beirarrúas ou sendas peonís dende o cruce de Ribadavia ata O Porto de Eguas, unhas melloras motivadas polos problemas que atopan as familias que levan os seus nenos á gardería situada nesta rúa, que se ven obrigadas a invadir a calzada polo mal estado das beirarrúas, asumindo un risco evidente ao circular cos carriños por unha zona sen espazo seguro.o igual que os veciños dos pobos por onde pasa esta estrada.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Asimesmo, neste mesmo vial demandaban a reposición do alumeado público existente así como a dotación do mesmo onde non o haxa, e actuacións na seguridade viaria no seu paso polo Carballiño, Torrón, Partovia, O Refoxo e o Porto De Eguas encamiñadas á reducción da velocidade dos vehículos e cruce de peóns.

O BNG tamén propuxo varios traballos de acondicionamentos na OU- 206, como a construcción de beirarrúas no tramo entre A Uceira e Seoane onde aínda non existen e reparación das actuais; instalación de alumeado novo en ambas marxes da estrada, e, en Seoane, medidas de regulación da velocidade e creación de pasos de peóns seguros. Por outra banda, o grupo nacionalista solicitou outras obras na OU-902, consistentes na construcción de beirarrúas ou sendas peonís entre a N-541, no Cornuval, e o núcleo de Veiga; a instalación de alumeado en ámbalas direccións, mellorando o existente, e a creación de pasos de peóns seguros, principalmente na contorna de acceso
ao pavillón de deportes.

Finalmente, o BNG presentou outra enmenda aos orzamentos da Xunta, na que se incluía a adquisición do solar e edificio anexo, hoxe á
venda, situados na intersección entre as rúas Evaristo Vaamonde e Conde Vallellano, co obxectivo de proceder ó seu derrubo e aumentar a superficie da praza da Veracruz, permitindo darlle maior visibilidade á obra de Antonio Palacios.

“A pesares do voto en contra do PP, o BNG do Carballiño anuncia que seguirá a loitar nas institucións na que ten representación para que estes proxectos poidan realizarse. Un pobo moderno ten que camiñar cara unha mobilidade sostible e segura, facilitando á veciñanza
os seus desprazamentos a pé, e traballar no aumento da protección e ampliación do seu patrimonio cultural”, conclúen dende a formación nacionalista.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------