A Rede de Xuderías sumou a cifra récord de seis adhesións durante a presidencia de Ribadavia neste ano que remata

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A presidencia de Ribadavia ao fronte da Rede de Xuderías – Caminos de Sefarad durante este 2025 (e que continuará ata finais de xaneiro de 2026) pecha un ano especialmente fructífero cunha ampliación que reforza a súa estrutura territorial, diversidade e capacidade de proxección cultural e turística. De feito, baixo a presidencia de César Fernández, alcalde de Ribadavia acábase de producir a maior incorporación de concellos desde a súa creación: un total de sies.

A suma de Sevilla, Calatayud, a Cidade Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara, aprobada na 68ª Asemblea Xeral celebrada o pasado venres,  12 de decembro, culmina un rigoroso proceso técnico desenvolvido entre 2024 e 2025, que permitiu recuperar unha Rede máis ampla, máis sólida e máis representativa do patrimonio sefardí en España.

Desde Ribadavia, esta ampliación valórase como un fito estratéxico que fortalece o proxecto común das cidades sefardís e amplía o escaparate cultural e turístico da vila, cuxo legado xudeu constitúe unha parte esencial da súa identidade histórica. O crecemento ordenado da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad tradúcese nunha maior capacidade de cooperación institucional, promoción conxunta e visibilidade internacional, da que Ribadavia se beneficia de maneira directa.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante a presidencia de César Fernández, a Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad apostou polo rigor histórico, a avaliación técnica exhaustiva e o compromiso institucional como piares do proceso de adhesión, garantindo que as novas incorporacións compartan os valores de conservación patrimonial, divulgación cultural e desenvolvemento turístico sustentable que definen á asociación.

O ano 2025 coincide ademais coa celebración do 30 aniversario da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, unha efeméride que reforza a traxectoria e consolidación do proxecto común e que serviu de marco para avanzar na definición dun novo Plan Estratéxico, orientado a reforzar o posicionamento da Rede e a afrontar os retos futuros en materia de xestión patrimonial, promoción cultural e cooperación institucional.

Neste contexto de fortalecemento da Rede, a presidencia exercida por César Fernández desenvolveu tamén unha intensa axenda institucional orientada a reforzar a proxección internacional da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e das cidades que a integran, entre elas Ribadavia. Ao longo de 2025, o alcalde mantivo encontros estratéxicos co director do Instituto Cervantes, Luis García Montero, co obxectivo de potenciar o estudo, a divulgación e a difusión exterior do legado sefardí a través da rede de centros do Cervantes; participou nun foro internacional de alcaldes en París centrado no patrimonio sefardí; e mantivo reunións co director xeral do Centro Sefarad, José Thobar, así como co presidente e a directora xeral da Federación de Comunidades Xudías de España, David Obadía e Carolina Aisen, fortalecendo as relacións institucionais e o diálogo coas principais entidades do ámbito sefardí.

Ademais, Ribadavia foi sede da I Gala dos Premios Caminos de Sefarad, celebrada como colofón á 66ª Asemblea Xeral da Rede, tamén acollida pola vila, na que foron recoñecidos o Museo Sefardí de Toledo, o programa Shalom de TVE e Rafael Pérez de la Concha, figura clave no desenvolvemento da Rede. Nesa mesma Asemblea aprobouse a denominada “Declaración de Ribadavia”, pola que se estableceu oficialmente o 31 de marzo como Día da Cultura Sefardí en todas as localidades membros. Así mesmo, César Fernández participou como presidente da Rede na IX Xornada de Bens Culturais Premiados por Hispania Nostra, onde recolleu o Premio Hispania Nostra polo proxecto de unificación da sinalización das xudarías que integran os Camiños de Sefarad, un recoñecemento ao traballo colectivo e á visión estratéxica desenvolvida durante o seu mandato.

No marco de FITUR 2026 celebrarase o acto institucional de traspaso da Presidencia da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, do alcalde de Ribadavia ao alcalde de Segovia, José Mazarías, así como a presentación oficial dos novos municipios incorporados. Este relevo prodúcese tras unha etapa de fortalecemento e crecemento que deixa unha Rede máis cohesionada e con maior proxección nacional e internacional.

Para Ribadavia, este proceso supón un recoñecemento ao seu compromiso continuado coa cultura sefardí e consolida o seu papel como un dos grandes referentes patrimoniais da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, nun momento clave para a promoción da súa historia, identidade e proxección cultural futura.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------