O Museo Etnográfico do Arenteiro, que está aberto desde finais do mes de xuño, continuará co mesmo calendario de visitas durante as fins de semana deste verán en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 h.
Nas visitas cúmprense escrupulosamente as medidas hixiénicas e de seguridade establecidas pola normativa do covid 19, como é o aforo limitado, a desfinfección das mans con hidroxel e o uso de máscaras.
O museo foi acondicionado recentemente e renovouse unha boa parte do tellado. Así mesmo, nestes días está previsto completar o equipamento da zona do cortello coa incorporación das novas reproducións de animais adquiridas polo concello.
Pese á situación que se vive actualmente, as visitas de turistas estanse producindo con certa regularidade e prevese un incremento de visitantes a partir desta próxima fin de semana. A maioría das persoas que se achegan ata o museo son grupos familiares ou de amigos que se atopan viaxando por Galicia e recalan no Carballiño.