No marco do impulso estratéxico ao emprendemento que promove o Goberno galego, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego leva asesorado ata o de agora máis de 1.000 proxectos a través das catro oficinas activas na provincia de Ourense, situadas no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín, contribuíndo ademais á creación de 110 novas entidades xurídicas.
Esta iniciativa da Xunta, despregada progresivamente desde xullo de 2022, ofrece asesoramento individualizado e gratuíto a todas aquelas persoas que desexan poñer en marcha un negocio ou consolidar un proxecto xa existente, ao tempo que conecta o tecido emprendedor co resto do ecosistema comarcal e cos recursos dispoñibles. Grazas a este modelo de acompañamento, na provincia de Lugo o equipo técnico e asesor da Rede realizou coas persoas emprendedoras arredor de 3.400 titorías, tanto presenciais como en liña, adaptadas ás distintas fases de desenvolvemento das súas iniciativas empresariais e orientadas a facilitar o cumprimento dos obxectivos establecidos.
Cómpre salientar, ademais, que o 57 % dos proxectos asesorados na provincia están impulsados por mulleres, o que pon de manifesto o papel crecente do emprendemento feminino no tecido económico galego. Por ámbitos de actividade, destacan os servizos (23 %), seguidos da hostalaría (16 %) e do comercio (13 %), evidenciando a diversidade e o potencial das iniciativas apoiadas.
A Rede de polos ofrece tamén un servizo específico de acompañamento para asesorar, axilizar e facilitar os procesos de transmisión de negocios en funcionamento no territorio galego, co obxectivo de garantir a súa continuidade e evitar o peche por falta de remuda xeracional. Neste contexto, conta cun escaparate de proxectos —con arredor dunha trintena actualmente en Ourense— orientado a dar visibilidade e poñer en contacto persoas que venden ou alugan a súa empresa con outras interesadas en facerse cargo dela, apostando por iniciativas consolidadas e viables e reducindo os riscos asociados á posta en marcha dun novo negocio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O dinamismo dos Polos de Ourense, no seu papel como vertebradores do territorio, reflíctese tamén nas preto de 500 actividades organizadas ata o de agora, entre reunións con entidades locais, accións formativas e eventos de dinamización económica e social.
A Rede de polos de emprendemento constitúe un dos eixes estratéxicos da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio cuxas liñas mestras vén de presentar o Executivo autonómico, co obxectivo de potenciar o talento local, fixar poboación e dinamizar a economía nas catro provincias. Este esforzo xa foi recoñecido coa distinción a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e consolidarase a través desta planificación, con horizonte 2030, e actualmente en fase de consultas para recibir as achegas de todos os axentes do sector.
Neste contexto, a pioneira Rede de polos de emprendemento eríxese como o núcleo central desta aposta, cunha estrutura de 15 oficinas distribuídas por todo o territorio galego, que xa atenderon en conxunto máis de 5.300 proxectos. Os Polos reforzarán o seu papel como antenas de proximidade, capaces de detectar necesidades, conectar coas oportunidades locais e orientar os proxectos cara aos recursos e programas máis axeitados en cada caso.

















