A Concellería de Cultura do Carballiño festexa mañá, por primeira vez, as “Badaladas do Feirón”, un evento que une a última feira de 2025 coa celebración das prebadaladas de Fin de Ano. Como cada 31 de decembro, a vila énchese mañá de familias e veciñanza de toda a comarca que se achegan ao Feirón para facer as súas compras, e que este ano ademais de desfrutar do pulpo, poderán festexar as badaladas na Praza Maior. “É unha xornada de encontro pensada para que as familias desfruten do ambiente e celebren xuntas as badaladas antes de regresar a casa para cear”, explica Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
A cita contará con animación familiar con DJ Tibu, reparto de cotillón, neve artificial e unha gran festa para todas as idades. Non faltarán as doce uvas para as persoas adultas nin os doce gusanitos para os máis pequenos, recreando así as tradicionais badaladas nun ambiente festivo e participativo. As “Badaladas do Feirón” convértense nunha nova forma de celebrar o remate do ano, mantendo viva a tradición do feirón e reforzando o espírito de convivencia e celebración no Carballiño. A cita terá lugar na Praza Maior a partir das 18,00 horas.
“Trátase dunha actividade máis dentro da exitosa programación que temos para o Nadal no Carballiño e onde os nenos e as familias son os grandes protagonistas”, recorda Diego Fernández. De feito, mañá tamén se levará a cabo o último día do parque de atraccións CarbaNadal, ubicado no Paco Chao, ao mesmo tempo que se abrirá a Pista de Xeo na Praza do Emigrante, dispoñible ata o 7 de xaneiro. O horario da pista é de 11,00 a 13,30 horas e de 16,00 a 20,00 horas. A entrada é de balde e inclúe patíns.
















