O presidente provincial visitou onte as instalacións do Pazo Paco Paz onde está ubicado “o parque de atraccións máis importante de Galicia” e constatou a gran aceptación que mantén entre as familias de toda a provincia
O presidente da Deputación, Luis Menor, puxo en valor Pazolandia como unha das principais apostas da institución provincial polo lecer familiar, a inclusión e a conciliación durante as datas do Nadal.
Pazolandia celebra nesta edición o seu 30 aniversario, “consolidándose como o gran parque de atraccións do Nadal en Galicia e nunha cita imprescindible para miles de familias da provincia e do conxunto da comunidade autónoma”, recalcou Menor, quen lembrou que na pasada edición, Pazolandia rexistrou preto de 26.000 visitantes, unha cifra que, á vista da elevada afluencia diaria desta edición, podería ser igualada ou mesmo superada. Avanzou tamén o presidente provincial que os datos definitivos deste ano serán comunicados unha vez se peche a actividade e se realice o reconto oficial.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Durante estes días, centos de nenos e nenas de toda a provincia están a desfrutar no Pazo Paco Paz dun espazo de lecer seguro, divertido e accesible, pensado para o encontro, a convivencia e o disfrute en familia. Menor subliñou tamén “a importancia de impulsar iniciativas que cheguen a todo o territorio, garantindo que ningún neno quede atrás, viva onde viva, e facilitando ao mesmo tempo a conciliación familiar nestas datas sinaladas”.
Un aspecto moi importante da presente edición de Pazolandia é o compromiso coa inclusión, con actividades adaptadas para rapaces e rapazas con diferentes capacidades, co obxectivo de asegurar que todas e todos poidan participar en igualdade de condicións e desfrutar plenamente da experiencia de Pazolandia.
Quixo lembrar Luis Menor que Pazolandia é, ademais, froito dun importante traballo colectivo, no que participan o persoal técnico, os monitores e todo o equipo organizador, cuxo esforzo diario fai posible que este espazo siga sendo, ano tras ano, un referente do Nadal en Galicia.
Por último, Menor incidiu en que iniciativas como Pazolandia reflicten unha maneira de entender as políticas públicas centrada fomentar a convivencia e investir no futuro, especialmente entre a infancia e as familias da provincia.

















