O Pazo dos Deportes Paco Paz pecha un balance moi positivo nunha edición que puxo en valor a inclusión e a aposta polo territorio.
“Garantimos que ningún neno quede atrás, viva onde viva”, sinala Luis Menor, que reafirma o compromiso da Deputación con iniciativas que fomentan “o lecer en familia e a conciliación”
Pazolandia recibiu visitantes de toda Galicia e, ademais, de outras provincias do país como Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Toledo, Bilbao, Barcelona, Ceuta e Oviedo
Ourense, 6 de xaneiro de 2026.
Pazolandia pecha as súas portas cun balance moi positivo, con preto de 26.000 usuarios que se achegaron ao Pazo dos Deportes Paco Paz durante as datas festivas para desfrutar do parque de atraccións familiares máis recoñecido do Nadal en Galicia. En total, foron 25.578 as persoas que accederon ás instalacións, constatando a boa acollida deste evento entre os rapaces de tódalas provincias galegas, pero tamén do resto de España.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Servizo de Deportes constatou a “crecente presenza” de familias de fóra de Galicia que apostan por Ourense para as súas vacacións de Nadal ou que regresan ás súas raíces durante estas datas. Así, Pazolandia rexistrou visitantes de Madrid, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Toledo, Bilbao, Barcelona, Ceuta e Oviedo.
Os concellos volveron repetir a súa fidelidade con esta cita, xa que preto de 3.000 asistentes acudiron a través de excursións organizadas polo seu municipio (2.826 entradas por esta vía, con 62 concellos que apostaron por esta actividade).
Ademais, o balance reflicte que máis do 90% de concellos da provincia tiveron presenza nesta edición de Pazolandia, con asistentes procedentes de 85 concellos ourensáns.
Iniciativas que chegan a todo o territorio
Neste sentido, o presidente provincial, Luis Menor, subliña tamén “a importancia de impulsar iniciativas que cheguen a todo o territorio, garantindo que ningún neno quede atrás, viva onde viva, e facilitando ao mesmo tempo a conciliación familiar nestas datas”.
Por outra banda, asistiron 2.877 persoas procedentes de centros invitados como Amigos da Barrela, Fundación Morea, os centros de menores de A Carballeira, Montealegre, Monteledo e Montefiz, Fundación Meniños, Cáritas, Valores, Cruz Vermella, Amencer ou As Burgas.
Nas enquisas elaboradas durante Pazolandia, o Servizo de Deportes tamén corroborou o alto grao de satisfacción das familias usuarias, dado que o concepto deste parque de atraccións abrangue actividades para cativos desde os 12 meses, con instalacións adaptadas a cada idade.
En canto aos métodos de acceso, a venda online volve ser destacada, xa que 14.249 entradas foron adquiridas por esta vía, practicamente tres de cada catro vendidas.
O presidente provincial, Luis Menor, reafirma o compromiso da Deputación con Pazolandia, “unha das principais apostas da institución provincial polo lecer familiar, a inclusión e a conciliación durante as datas do Nadal”.
Pazolandia celebrou nesta edición o seu 30 aniversario, consolidándose como un espazo de lecer seguro, divertido e accesible, pensado para o encontro, a convivencia e o desfrute en familia.
Un aspecto moi importante da presente edición de Pazolandia foi o compromiso coa inclusión, con actividades adaptadas para rapaces e rapazas con diferentes capacidades, co obxectivo de asegurar que todas e todos puidesen participar en igualdade de condicións e desfrutar plenamente da experiencia de Pazolandia.
Pazolandia é froito dun traballo colectivo no que participan o persoal técnico, os monitores e todo o equipo organizador.–

















