Gabriel Alén sinala ao Campus da Auga como un centro de referencia e excelencia científica

Gabriel Alén sinala ao Campus da Auga como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social

Na entrega dos IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga

AVANTAR ACTIVIDADES
  • O delegado territorial subliñou que o Campus da Auga xa está a potenciar a singularidade e a especialización que existe en Ourense arredor das temáticas da auga, aproveitando o potencial de Ourense, segunda cidade europea en potencial termal
  • Gabriel Alén referiuse ao Campus da Auga como unha das maiores apostas pola investigación do Sistema Universitario de Galicia na que a Xunta leva investidos máis de 7M de euros
  • O representante do Goberno galego sinalou que a especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos ten ao termalismo como punto de referencia, pero tamén contempla nos seus propósitos outros sectores como a industria da alimentación

.– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse ao Campus da Auga como un centro de referencia e excelencia científica, con capacidade de proxección exterior e de creación de valor económico e social como motor de desenvolvemento territorial na provincia. Así o manifestou esta tarde no acto de entrega dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense para recoñecer o esforzo do persoal docente e investigador e alumnado da Universidade.

Para Gabriel Alén, o Campus Auga supón unha das maiores apostas pola investigación do Sistema Universitario de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia cidade de Ourense na que a Xunta leva investidos máis de sete millóns de euros, para convertelo nunha das sinerxías científicas de Ourense, situando á cidade na vangarda europea da investigación e da innovación en torno a este recurso natural.

Tras agradecer á Vicerreitora da Universidade de Vigo a súa presenza no acto, Gabriel Alén subliñou que o Campus da Auga xa está a potenciar a singularidade e a especialización que existe en Ourense arredor das temáticas da auga, aproveitando o potencial de Ourense, segunda cidade europea en potencial termal (despois de Budapest) con máis de 4 millóns de litros de auga mineromedicinal. Ademais -mantén o delegado territorial- “está tamén a dar visibilidade á actividade que desenvolven en Ourense arredor da auga 49 grupos de investigación formados por 341 investigadores, que contan xa cunha importante infraestrutura de investigación, desenvolvemento e de transferencia de coñecemento, que se desenvolve nas facultades de Ciencias, Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito, Ciencias da Educación, Historia e na Escola Superior de Enxeñería Informática”.

Gabriel Alén sinalou que a especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos ten ao termalismo como punto de referencia, pero tamén contempla nos seus propósitos outros sectores como a industria da alimentación; pluralidade de miras que fai que traslade esas potencialidades ao ámbito académico e científico, converténdoas así en oportunidades de progreso social e económico para a cidade.

Neste sentido, o Campus da Auga supón avanzar nas misións fundamentais da Universidade nos nosos días, como son unha maior desenvolvemento da I+d+i e, a necesidade de transferencia dos seus froitos a sociedade.

O Campus da Auga foi o primeiro campus periférico especializado de Galicia. “Unha aposta –segundo o delegado territorial− pioneira, atrevida e innovadora que agora require dun paso máis: a acreditación do campus baseado na especialización e no fomento da investigación”. Nesta liña, Gabriel Alén informou que o proceso da mesma está na primeira fase do procedemento aberto impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e que será novidoso a nivel estatal, xa que suporá “un salto de calidade non só para o campus, senón que para Ourense cidade e para toda a provincia”.

Os IV Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, foron outorgados a seis traballos, realizados por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade. Os galardóns teñen cinco categorías: premio ao traballo fin de grao/traballo fin de mestrado máis destacado; premio de investigación a teses de doutoramento; premio de investigación á mellor contribución científica; premio ao mellor resultado de transferencia e premio a accións ou actividades de divulgación científica.