O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Juderías de España–Camiños de Sefarad, César Fernández, puxo en valor a incorporación de Melilla á Red, aprobada por unanimidade, nun contexto marcado polo recoñecemento institucional ao labor desenvolvido por esta entidade na preservación e difusión do legado xudeu-sefardí.
A entrada de Melilla coincidiu coa celebración da XIV edición dos Premios Mem Guímel, nos que a Red de Juderías foi unha das entidades galardoadas pola súa traxectoria e polo apoio decisivo prestado á candidatura da cidade, recoñecemento que foi recollido polo propio César Fernández en representación da Red.
Ao longo de 2025, a presidencia de Ribadavia ao fronte da Red pechou un ano especialmente positivo, marcado por un proceso de ampliación que reforza a estrutura territorial, a diversidade e a proxección cultural e turística da entidade. Baixo o liderado de César Fernández, a Red incorporou un total de seis novos concellos, entre os que se inclúe Melilla, a maior ampliación desde a súa creación, consolidando así a súa presenza e maior relevancia en todo o territorio español.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Durante a súa estancia institucional en Melilla, o presidente da Red destacou a constancia e o traballo desenvolvido pola cidade para formar parte desta ruta cultural, subliñando o valor singular de Melilla como única xudaría viva integrada na Red, exemplo de convivencia, tolerancia e interculturalidade. Unha achega que, segundo sinalou, reforza o sentido e a proxección futura da Red de Juderías.
Desde Ribadavia, vila fundacional da Red, César Fernández remarcou que esta incorporación supón tamén unha oportunidade para avanzar en proxectos comúns de carácter cultural e turístico, reforzando a dimensión nacional e internacional da Red e o seu compromiso coa posta en valor dun patrimonio histórico que segue vivo no presente.
Ribadavia reafirma así o seu papel activo e esencial dende a dirección da Red de Juderías e na promoción dos valores de memoria, convivencia e diversidade cultural que definen este proxecto compartido.

















