O presidente Luis Menor mantivo un encontro no Pazo Provincial cos afectados polo tratado do Mercosur que manteñen mobilizacións desde hai dúas semanas
O presidente trasladou o apoio da institución, subliñando que “a defensa do medio rural, dos nosos agricultores e dos nosos gandeiros é unha prioridade absoluta”, comprometeuse ao “diálogo permanente” cos afectados, canalizando as súas demandas e defendendo os seus intereses diante das administracións
Ourense, 12 de xaneiro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión cunha delegación dos agricultores e gandeiros ourensáns que levan xa dúas semanas de mobilizacións, nun encontro no que se analizaron as principais preocupacións do sector primario, derivadas tanto do novo tratado co Mercosur e a futura Política Agraria Común que se está a negociar na Unión Europea.
Ao remate da reunión, á que tamén asistiron deputados provinciais e persoal técnico, o presidente provincial detallou os acordos alcanzados con agricultores e gandeiros e que abranguen a posta en marcha de servizos e maila apertura de liñas de axuda que responden ás necesidades expostas polos afectados.
En primeiro lugar, Luis Menor comprometeuse a poñer en marcha un servizo de recollida de plásticos agrícolas para a súa correcta xestión ambiental. Unha liña de traballo que non está nas competencias da Deputación, polo que deberá presentarse ao pleno para a súa aprobación.
Entre os acordos alcanzados figura tamén a habilitación, por parte da Deputación, de dúas liñas de axudas. A primeira delas, xa neste ano, contribuirá a deseñar un plan piloto de recría de femias en extensivo, co fin de axudar ao relevo das cabanas gandeiras. En segundo lugar, elaborarase outro plan piloto, esta vez para impulsar o silvopastoreo como medida para a prevención de incendios. Neste último aspecto falouse ademais de apoiar con medios propios ou mediante achegas ao mantemento e melloras de viarios para un mellor acceso ás parcelas.
Na reunión tamén se acordou iniciar un estudo para coñecer a viabilidade da creación dun centro de recría de gando que axude a solucionar o baleirado das explotacións e facilitar a apertura de novas granxas.
O presidente trasladou o apoio da institución provincial aos produtores de leite e carne, subliñando que “a defensa do medio rural, dos nosos agricultores e dos nosos gandeiros é unha prioridade absoluta”, amosando neste sentido a súa comprensión pola inquietude existente ante a firma do tratado Mercosur e o seu impacto sobre o sector.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Neste sentido, incidiu na necesidade de que calquera acordo comercial garanta cláusulas de salvagarda que aseguren que todos os produtos que entren no mercado español o fagan nas mesmas condicións esixidas ás producións galegas, tanto en materia sanitaria como ambiental e de benestar animal. “É imprescindible que se establezan mecanismos de control eficaces para garantir unha competencia en igualdade de condicións”, sinalou.
No encontro tamén se abordaron outras cuestións de especial relevancia para a gandería galega, como a negociación do próximo Marco Financeiro Plurianual da Política Agraria Común (PAC) 2028-2034, sobre a que se puxo o acento na necesidade dunha PAC suficientemente dotada e sen recortes.
O presidente da Deputación reiterou que a institución provincial será sempre “aliada do sector primario” e comprometeuse ao “diálogo permanente” cos afectados da provincia, canalizando as súas demandas e defendendo os seus intereses diante das administracións.















