O Goberno de España inviste 6,5 millóns de euros na mellora das estradas N-120 e N-525 e da autovía A-52

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este mércores o compromiso do Goberno de España coa reparación das infraestruturas clave para a provincia de Ourense, como o amosa o investimento de máis de 6,5 millóns de euros mobilizado para rehabilitar as vías N-120, N-525 e A-52.

A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia publicou na plataforma de contratación do sector público os contratos de emerxencia polos que se adxudican estes traballos, de dous tipos. Por unha parte, executaranse as obras de rehabilitación do firme na N-120, nos tramos que discorren entre puntos quilométricos 472+800 e 540+200; 439+900 ao 472+800; deste ao 500+000, e desde aí ao 540+400. Por outra banda, as intervencións destinadas a reparar os danos causados polos lumes do pasado verán execútanse nas estradas N-120 e N-525 e na autovía A-52. Estas actuacións consisten en protección de taludes, sinalización, drenaxe, balizamento e pechamento.

Eladio Santos salientou que “o Goberno de España responde á catástrofe sufrida na provincia de Ourense o pasado verán con actuacións inminentes e investimento real para garantir a seguridade dos usuarios das vías”. “Nun momento difícil para o noso territorio, unha vez máis o Goberno actúa con responsabilidade e rapidez, co fin de garantir a adecuada conexión entre tódolos municipios da provincia, apoiando así aos ourensáns e ourensás”, destacou.  

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O subdelegado explicou que este investimento se suma aos case 9 millóns de euros que destina o Goberno a subvencións para reparar estradas municipais danadas polos incendios en toda España. Esta convocatoria, aprobada o 29 de decembro de 2025, está dirixida a concellos, deputacións, consellos insulares, comunidades autónomas uniprovinciais, comarcas e mancomunidades.

As axudas permitirán financiar ata o 50 % do custe dos proxectos directamente relacionados cos danos sufridos en infraestruturas, equipamentos ou servizos de titularidade municipal, así como da rede viaria provincial. Serán concedidas en réxime de concesión directa, conforme ao establecido na Orde HAP/196/2015, que regula este tipo de subvencións para situacións derivadas de catástrofes naturais e emerxencias de protección civil.

Eladio Santos informou ás entidades locais da provincia de Ourense afectados polos incendios do verán sobre a existencia desta liña de axudas. Indicoulles que poden presentar a súa solicitude ata as 15:00 horas do 5 de febreiro do 2026. “O Goberno de España volve a situar aos concellos no centro da recuperación, garantindo os recursos necesarios para reparar os danos e restablecer os seus servizos esenciais”, remarcou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------