O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para que o SERGAS e a Xunta de Galicia “deixen de castigar á sanidade pública do Carballiño”, unha proposta que será debatida pola Corporación na sesión plenaria correspondente ao actual mes de xaneiro.
Dende esta formación política apúntase que “as penurias que estamos a sufrir os usuarios e incluso os traballadores do Centro de Saúde local son inadmisibles. Para obter unha cita en atención primaria por un catarro ou calquer proceso relativamente sinxelo hai que agardar, as máis das veces, unha semana. Iso tendo a sorte de que o médico de cabeceira non cambie dunha semana para outra por culpa das terribles condicións coas que teñen que traballar aquí. Estes constantes traslados implican unha perigosa falla de continuidade nos profesionais que atenden aos pacientes e, en moitas ocasións, unha carencia enorme de facultativos, tendo que asumir uns poucos a carga de moitos ausentes. O servizo de pediatría continúa atendéndose de xeito precario o que tamén provoca atrasos importantes na atención aos cativos”.
Ante esta situación, o grupo político de Espazo Común advirte que “moitos veciños do Carballiño e comarca, optan por irse (ou son derivados) direitamente ás Urxencias do CHUO. Alí comeza outra odisea que se agrava nestas datas cos picos epidémicos das enfermidades habituais desta época do ano e que, unha vez máis, semellan coller aos responsables sanitarios pensando noutra cousa”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, tamén suliñan que “Capítulo aparte merece o estado das instalacións. Un edificio vello, con gretas inabarcables, humidades, mobiliario vello e estropeado. No tocante ao equipamento e maquinaria case é mellor non falar”.
E consideran que “unha comarca coma a nosa non merece semellante castigo por parte do Sergas, da Consellería de Sanidade e da Xunta de Galicia. Un dos píares do estado do benestar e da calquer comunidade que se prece é unha axeitada sanidade pública pero polo que sexa, aquí somos sistemáticamente maltratados polos que tiñan que garantir unha atención sanitaria de calidade”. E insisten en que “todo isto só se arranxa se a poboación reacciona e demanda os servizos que lle pertencen por dereito e que lle están sendo arrebatados aos poucos”.
Enj consecuencia, dende Espazo Común solicitan un acordo plenario da Corporación para que se convoque o Consello Municipal de Saúde, a fin de establecer unha folla de ruta para a recuperación da sanidade pública no noso pobo. Tamén, que se esixa ao Sergas e á Consellería de Sanidade a cobertura de xeito urxente e estable de tódalas vacantes que existen no Centro de Saúde do Carballiño. Finalmente, piden a acometida “das melloras necesarias nas instalacións e no equipamento tendo en conta que o novo Centro de Saúde non vai estar dispoñible antes de cinco anos”.

















