Vinte restaurantes ofrecerán o tradicional menú de Entroido na ‘XXXI Festa da Cachucha’ do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño ultima os detalles da Festa da Cachucha, a celebración que congregará na vila a milleiros de persoas para desfrutar do Domingo de Piñata. O domingo 22 de febreiro, O Carballiño acollerá a trixésimo primeira edición da celebración, impulsada desde a Concellería de Turismo para enxalzar a gastronomía e calidade da hostalaría local. “É unha cita que se está consolidando cunha afluencia cada vez maior e que converte ao Carballiño na gran cita do Domingo de Piñata en toda Galicia”, destaca Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

Nesta liña, o Concello anima á poboación a realizar canto antes as súas reservas nos locais participantes, que se enchen semanas antes da festa. “O ano pasado superáronse as 2.500 reservas, e este ano a previsión é superalas”, asegura o edil. A clientela provén do municipio, pero tamén do resto da provincia e doutras zonas de Galicia. Os restaurantes incluídos na Festa da Cachucha son preto dunha vintena, como en edicións anteriores, e o prezo do menú oscila entre os 20 e os 40 euros por persoa.

O listado está composto polos restaurantes Derby, Esclavo, Mesón O Noso Lar, Pulpería Carral, O Pituxo, A Maquia, Pulpería O Carballiño, Las Cubanitas, Fuchela, Parrillada San Andrés, Asador Veracruz, Soldado, Parrillada Os Amigos, Ernesto Patio Bar, O Pendello, Casa María, Pulpería Ruzo, Mesón O Arrabaldo e Os Álamos. Cabe destacar que hai locais carballiñeses que tamén servirán cachucha ese día, pero xa teñen as reservas completas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ademais de poñer en valor a gastronomía, a ‘XXXI Festa da Cachucha’ é unha xornada festiva que pon punto e final ao Entroido. Os diferentes restaurantes contarán con animación musical e charangas, e a poboación está convidada a participar cos seus mellores disfraces.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------