Deputación e Xunta abordan vías de cooperación para impulsar o comercio e o emprendemento na provincia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo esta semana un encontro de traballo co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, co obxectivo de establecer novas liñas de colaboración institucional en dous eixes estratéxicos para o desenvolvemento provincial: a dinamización do comercio local e o pulo ao emprendemento rural e territorial.

Durante a xuntanza, ambas as institucións coincidiron en subliñar a importancia da coordinación coas entidades locais para maximizar o impacto das políticas de fomento do emprego e da actividade económica na provincia. De feito, o presidente Luis Menor destacou a relevancia desta cooperación: “É fundamental sumar esforzos coa Xunta de Galicia para ofrecer aos nosos concellos e emprendedores as ferramentas necesarias para medrar. O comercio e o fomento de novos proxectos ligados á nosa idiosincrasia son piares esenciais para o futuro socioeconómico da nosa provincia”.

Deste xeito, no eido comercial analizáronse proxectos que a Xunta impulsa en colaboración coa Deputación, destacando a relevancia de iniciativas como Vilas Vivas —xa implantada no concello de Ribadavia—, dirixidas a revitalizar o tecido comercial en vilas e cidades. Tamén se puxo o foco na necesidade de continuar potenciando as prazas de abastos como elementos centrais da economía local.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

En materia de emprendemento, o presidente Luis Menor e o conselleiro José González abordaron a Estratexia de Emprendemento Ligado ao Territorio de Galicia 2025–2030, que a Xunta presentou recentemente. Unha das ferramentas fundamentais desta estratexia é a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que na provincia de Ourense conta con catro oficinas plenamente operativas, ofrecendo asesoramento especializado e recursos aos novos proxectos empresariais en concellos rurais. Estas catro oficinas atópanse en Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín, garantindo unha cobertura territorial que permite fixar poboación e xerar emprego cualificado en toda a xeografía ourensá.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------