O Carballiño converterase do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro na capital da maxia de Galicia coa celebración do ‘Festival Máxico San Juan Bosco’ e cun atractivo programa de obradoiros e espectáculos aberto a tódolos públicos. A presentación deste evento tivo lugar hoxe na Casa do Concello coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, acompañado por Martín Domínguez (Le Grand Martin) e Santiago Cristóbal (Mago Ninou), membros da organización.
Diego Fernández salientou a traxectoria de máis de 10 anos deste festival “que converte ao Carballiño no centro de referencia da maxia en Galicia e que serve como punto de reencontro e intercambio entre os diferentes estilos de magos”. O edil de Cultura convidou “a todas as familias para que se acheguen cos seus cativos a participar nas actividades que se propoñen”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa banda, Donínguez e Cristóbal comentaron a programación deste evento, que comezará o venres, día 30, coa tradicional misa na honra de San Juan Bosco no templo parroquial da Veracruz, ás 19,00 horas, para continuar coa gala de apertura do festival, a partir das 20,30 horas, no Café Bar Lérida, coa participación dos magos Magaldara, Alvart e Albert.
A xornada do sábado, 31 de xaneiro, abrirase as 16,30 horas no Hotel O’Xardín, cun obradoiro de maxia infantil a cargo dos magos Chirleta e Ninou, para o que é preciso inscribirse previamente no teléfono 607.248.799 e abonar unha cuota de 15 euros. De seguido, celebrarase na mesma ubicación unha gala familiar co Mago Chirleta, Abel El Mago e Mago Ninou. As actividades rematarán no Café Bar Casino coa ‘Gala Máxica’, con O Gran Mago, Guto e Aris Villarino.
Os magos asistentes participarán o domingo, día 1 de febreiro, nunha conferencia a cargo do estadounidense Donald Lehn sobre “Maxia na rúa”, no Hotel O’Xardín, ás 11,00 horas, e despois celebrarán un xantar de confraternidade. A programación pecharase ás 18,00 horas no Auditorio Manuel María coa gala de clausura, con entrada de balde, na que se ofrecerá un espectáculo de Mago Cris, O Mago da Boina e Nami e Malo Malísimo e na que actuará como presentador David Méndez.
















