O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno da Corporación, na que solicita “a condena por parte deste Concello do réxime ditatorial que ven de ser derrocado” en Venezuela, e “a petición oficial a tódolos organismos competentes de que en Venezuela se instaure un sistema democrático, transparente e sen inxerencias de intereses exteriores”. Asemade, tamén piden da Corporación que exprese “o seu apoio absoluto ao pobo venezolano e a maior das solidariedades na procura do esplendoroso futuro que merece o país irmán”.
As concelleiras e concelleiros desta formación política expoñen que “o pasado 3 de xaneiro deste 2026, espertamos coa nova do derrocamento do sátrapa ditador de Venezuela, Nicolás Maduro”, e lembran que, “dende o ano 1999 no que o seu antecesor, Hugo Chávez accederá á presidencia, o país sudamericano sufriu un constante declive nos dereitos dos seus cidadáns e un, aínda máis acusado, declive na calidade de vida destes”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Dende Espazo Común engaden que “nestes 27 anos, contanse por millóns os venezolanos que tiveron que saír do seu país para fuxir da ruina, da pobreza ou mesmo da propia ditadura, un éxodo semellante ao que moitos veciños desta bisbarra tiveron que emprender en sentido inverso durante décadas atrás para fuxir da miseria da Galicia dos caciques polo que nos resulta moi doado empatizar con eles”.
E apuntan que, “no Carballiño, recibimos a moitos destes, retornados ou non, cos brazos abertos e hoxe forman parte xa, con todo o dereito, da nosa sociedade. Absolutamente integrados no día a día como persoas emprendedoras, responsables e con moitas gañas de participar activamento do futuro desta vila. Para a nosa economía, para a nosa demografía e para o noso enriquecemento cultural foi unha auténtica bendición a súa chegada a pesares de terse producido por causas tan desagradables”.
En consecuencia, o grupo de Espazo Común salienta que “ten pois toda a lóxica do mundo que esta Corporación e este Concello agradezan a tódolos venezolanos establecidos no Carballiño o seu esforzo e a súa participación e que amosemos á vez a nosa solidariedade e os nosos mellores desexos para que un dos países con máis potencial e recursos do mundo xa só vaia cara adiante e progrese cara a un futuro esplendido”.

















