O Concello do Carballiño impulsa unha estratexia pioneira para consolidarse como destino gastronómico de referencia co polbo como elemento central e elemento identitario. Trátase dunha aposta por poñer en valor o produto estrela do municipio, ligado á historia, cultura e economía local, da man das pulpeiras e pulpeiros, embaixadores dun oficio transmitido de xeración en xeración.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, pon en valor a iniciativa, “un paso máis para reforzar o noso modelo turístico, que xa nos converteu na primeira localidade máis visitada da provincia despois da cidade”. O edil detalla o proxecto, que consistirá na elaboración dunha estratexia de comunicación dixital orientada a mellorar o coñecemento, a percepción e a proxección do destino nun contexto turístico cada vez máis hiperconectado. “O servizo permitirá definir unha folla de ruta clara na promoción do noso municipio”, apunta Dacal.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por outra banda, o Concello tamén visibilizará o labor das pulpeiras e pulpeiros co obxectivo de recoñecer e promocionar un oficio fundamental para a dinamización económica e social do municipio. A través da colaboración directa co colectivo, lanzarase un proxecto piloto no que participarán as dez empresas máis destacadas vinculadas ao polbo. Entre outras actividades, está prevista a promoción do colectivo e a organización de accións de recoñecemento profesional, así como a difusión do oficio, das receitas e doutros elementos do patrimonio material e inmaterial asociados ao polbo.
Plan de sostibilidade turística
Cun investimento próximo aos 75.000 euros, o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento turístico sostible, baseado nos recursos propios, na identidade local e no recoñecemento das persoas que fan posible que o polbo sexa moito máis ca un produto gastronómico: un sinal de identidade e un motor de futuro para o municipio.
Estas actuacións enmárcanse no Plan de sostibilidade turística do Carballiño e a gastronomía do polbo, que conta cun orzamento dun millón de euros financiado polos fondos europeos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.

















