Os puntos de compostaxe comunitaria ubicados en A Uceira e Corzos comezarán a poder ser utilizados pola veciñanza destes dous barrios do Carballiño, unha vez se lles faga entrega aos propietarios das vivendas que se sumaron a esta campaña da correspondente chave electrónica que lles permitirá o acceso aos depósitos alí instalados. Trátase dun programa piloto promovido pola Deputación Provincial de Ourense e impulsado a nivel municipal pola Área de Servizos Públicos e Benestar Comunitario do Concello do Carballiño, que coordina a concelleira Rosa Fuentes.
Neste sentido, as veciñas e veciños de Corzos e da Uceira están convocados mañá, luns 26 de xaneiro, a unha xuntanza informativa que terá lugar a partir das 18,00 horas na Casa da Cultura do Carballiño, e na que os técnicos do departamento de Medio Ambiente da Deputación Provincial proporcionarán a información necesaria para o uso correcto dos colectores de compostaxe.

Este proxecto piloto de compostaxe comunitaria para A Uceira e Corzos ten coma obxectivo o depósito, por parte da veciñanza, dos restos orgánicos e biorresiduos xenerados nos seus fogares, ao abeiro do plan promovido pola Deputación coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente no marco do Plan de Recuperación financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea. As veciñas e veciños adheridos a este programa terán descontos á hora de pagar a taxa do lixo, xa que supón unha aposta cidadá pola reducción do lixo orgánico en orixe.
A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia destinou algo máis de 8,1 millóns de euros ás entidades locais para a implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de materia orgánica de orixe doméstica, aceites usados e residuos téxtiles. Ao abeiro desta orde de achegas están se a desenvolver un total de 195 proxectos pertencentes a 105 entidades locais, cos que se pretende optimizar a xestión dos biorresiduos, aceites e residuos téxtiles que se xeran nos fogares así como concienciar á cidadanía sobre prácticas responsables neste eido. A maior contía das axudas (7,66 millóns de euros ) corresponde ás subvencións destinadas a recoller, separar e tratar a materia orgánica de orixe doméstica, que supón o 40% da bolsa de lixo tipo en Galicia.
















