O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, mantivo un encontro na cidade de Ourense con varios beneficiarios da orde de axudas dirixidas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións do ano 2025. Na visita, subliñou que na provincia ourensá foron 12 os beneficiarios nesta convocatoria, cun apoio de 90.000 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, co fin de mellorar na modernización e na competitividade do sector do taxi, e, ao mesmo tempo, garantir a mobilidade sostible e a favorecer un transporte público accesible.
O delegado territorial aproveitou para lembrar que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria desta orde de achegas cun investimento de 500.000 euros. Deste total, concretou que 290.000 euros van dirixidos á liña para vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), 68.000 para taxi de CERO emisións (vehículos 100% eléctricos e híbridos enchufables) e 142.000 para taxi ECO (vehículos que combinan dous e máis combustibles e por tanto algún tipo de hibridación). O prazo rematará o próximo 14 de outubro ou ata o esgotamento do crédito.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Nesta liña, Manuel Pardo explicou que esta medida vai dirixida ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes. En canto á intensidade das axudas, detallou que para a adquisición dun taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, dun taxi de CERO emisións de 4.000 euros e dun taxi ECO de 1.000 euros.
O representante do Goberno galego rematou destacando que desde a posta en marcha desta iniciativa en 2016, o Goberno galego concedeu máis de 1.500 axudas por máis de 6 millóns de euros. Máis de 350 axudas corresponden á adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), máis dun milleiro á liña ECO e máis de 80 para emisións cero.
















