O PSdeG-PSOE de Ourense rende homenaxe o vindeiro sábado ás irmás Touza de Ribadavia para conmemorar o Día das Vítimas do Holocausto

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense organiza, da man de Xuventudes Socialistas e a Comisión Executiva Provincial, un acto para conmemorar o Día das Vítimas do Holocausto que se conmemora cada 27 de xaneiro por ser o día da liberación, polas tropas soviéticas, en 1945, do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau, na Polonia ocupada.

Nesta ocasión, trátase dun encontro centrado na figura das irmás Touza no que a historiadora e divulgadora Rosa María Cid aportará contexto histórico e unha descendente das protagonistas, Alexandra Touza, contribuirá co contexto dende o punto de vista familiar e máis próximo ás tres mulleres que mudaron o devir de máis de 500 persoas que huían do exterminio nazi, establecendo unha rede clandestina para conseguir que chegasen á estación de tren de Ribadavia.

“En 2004, o Consello de Ministros presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, acordou instaurar o Día da Memoria do Holocausto e a Prevención dos Crimes contra a Humanidade e nós queremos ratificar o noso compromiso social de loitar contra calquera forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos”, recorda o secretario de Memoria Democrática da CEP, Xosé Lois Carrión, que intervirá no acto que terá lugar o 31 de xaneiro, na sede do PSOE, ás 19,00 horas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tamén participará no encontro a secretaria de Igualdade da CEM e deputada no Congreso, Marga Martín, para destacar o papel de tres mulleres que loitaron fondamente contra o antisemitismo. “Debemos ser firmes contra calquera forma de violencia, persecución ou discriminación, sexa esta o racismo, a xenofobia, o antixitanismo, a LGBTIfobia ou a islamofobia; especialmente cando observamos con profunda preocupación o incremento de mensaxes de odio e intolerancia en moitos países, e nas redes sociais”, incide.

Precisamente por esa necesidade de contrarrestar bulos e políticas racístas entre a xente máis moza, o secretario xeral de XSO, Miguel Gómez, e o secretario da Formación da organización moza, Daniel Barredo, destacan a relevancia dun acto que ofrece a posibilidade de coñecer de preto a historia máis recente que ningún pobo debería estar condeado a repetir.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------