Para a Formación nacionalista o SAF é unha ferramenta esencial para garantir unha vida digna ás persoas maiores, dependentes ou con dificultades de autonomía, permitindo que poidan continuar vivindo no seu fogar e na súa contorna, evitando situacións de institucionalización innecesarias e favorecendo a cohesión social
Ourense, 03 de febreiro de 2026. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou para ser debatida no Pleno previsto para este mesmo venres, día 6 de febreiro, unha moción relativa á necesidade de mellorar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) así como garantir a prestación publica do mesmo.
Desde a Formación nacionalista lembran que o SAF naceu como parte dun modelo público de servizos sociais impulsado durante os anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno na Xunta, coa aprobación da Lei de Servizos Sociais e a creación dun sistema baseado na universalidade, na igualdade de dereitos e na responsabilidade pública. Porén, sinalan fontes nacionalistas, este modelo foi sendo progresivamente deteriorado pola actuación do Partido Popular na Xunta de Galiza.
Segundo o Portavoz do BNG no Concello de Ourense Luís Seara, “a Xunta do PP optou por un sistema de financiamento insuficiente e desequilibrado, trasladando unha parte crecente do custo do servizo aos Concellos, que non dispoñen nin das competencias nin dos recursos necesarios para asumir esa carga”.
Esta situación vulnera, a ollos do BNG “o marco legal vixente en materia de dependencia, que establece a obriga de garantir o financiamento íntegro do servizo entre a Xunta e o Estado. Os datos económicos confirman este desequilibrio. O investimento por persoa dependente en Galiza sitúase moi por debaixo da media estatal e o custo real do servizo continúa incrementándose ano tras ano, especialmente nos concellos rurais, con poboación máis envellecida e dispersa”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outra das denuncias nacionalistas advirte que “namentres os concellos están obrigados a facer fronte mensualmente ás facturas do SAF, con prazos de pagamento que non superan os 30 días, a Xunta liquida a súa achega con carácter trimestral e, nalgúns casos, con atrasos de varios meses respecto ao remate do trimestre correspondente”.
“Este sistema de liquidación e a dilatación nos pagamentos da Xunta obriga os concellos a adiantar recursos propios para garantir a continuidade do servizo, xerando importantes tensións de tesourería, poñendo en risco o equilibrio financeiro municipal e provocando, en moitos casos, un incremento do Período Medio de Pago a provedores”.
Luis Seara ten claro “os coidados deben ser un dereito garantido e non un servizo condicionado polo lugar de residencia. Para iso, resulta imprescindíbel un cambio de rumbo que asegure un financiamento suficiente, estábel e xusto, e que sente as bases dun verdadeiro sistema público galego de atención á dependencia”.
No tocante ao financiamento, no BNG afirman que a Consellería, tras unha cativa proposta que contemplaba un financiamento máximo de até 16 euros/hora para o ano 2028, que foi rexeitada pola Comisión Executiva da FEGAMP en novembro, realizando unha nova oferta de financiamento por importe de 16 euros/hora para o 2026, 17 euros/hora para 2027 e 18 euros/hora para 2028.
“Esta proposta foi aceptada pola maioría da Executiva da FEGAMP e rexeitada polo BNG por considerala totalmente insuficiente, ao nin tan sequera achegarse a cubrir o custe real do servizo e continuar afogando os concellos galegos. Nós, consecuente con esta posición, reclamamos que a Xunta e o Estado abonen aos concellos a cantidade de 17 euros/hora con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, 20 euros/hora neste 2026 e que asuma o 100% dos en 2027“.
















