O BNG, logo de escoitar aos diferentes colectivos veciñais, trasladará ao pleno as inquedanzas e dúbidas sobre as propostas no transporte público

Nas últimas semanas os nacionalistas mantiveron unha serie de encontros con colectivos e asociacións veciñais para coñecer de primeira man a súa opinión a respeito das últimas propostas lanzadas polo Goberno PP – DO

A última proposta ou ocorrencia do Goberno PP – DO relativa a implantación dun modelo de transporte a demanda no perímetro rural do Concello de Ourense está a xerar unha gran controversia e moita inquedanza entre a veciñanza destas zonas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así o está a constatar o Grupo Municipal do BNG que nos últimos días mantivo unha serie de encontros con varios colectivos veciñais e asociacións que manifestaron a súa preocupación ante unha proposta que claramente prexudicaría á veciñanza destas zonas.

Segundo o concelleiro Luis Seara, “o obxectivo destes encontros é coñecer de primeira man a opinión dos que sen dúbida son os principais damnificados desta proposta da que, por certo, nada sabemos máis alá dos anuncios realizados”.

Para Seara, “a proposta do Goberno PP – DO ou do pouco que sabemos dela, lonxe de mellorar a conectividade do perímetro rural co centro da cidade, podería ter un efecto disuasorio e de aumento do illamento”.

O BNG entende necesario mellorar a situación do transporte público e axustar aquelas liñas e frecuencias que redunden nunha mellora na prestación do servizo “o transporte a demanda que si ben pode ter cabida en casos e circunstancias moi concretas, non pode converterse no elemento central do transporte público no perímetro rural”. Lembran tamén os continuos cambios de criterio do actual Goberno Local cun servizo que, por mor da incompetencia pasada do PP “leva sete anos en precario”.

Os nacionalistas consideran moi frutíferos estes encontros, nos que tiveron e seguen a ter a oportunidade de coñecer de primeira man a opinión da veciñanza. Froito deste diálogo xa anuncian que de cara ao pleno do concello previsto para o vindeiro venres día 11, levarán unha iniciativa relativa á defensa e mellora do transporte público e na que se poñan enriba da mesa as dúbidas e inquedanzas transmitidas estes días polos diferentes colectivos veciñais.