O Regadas trae plan de magosto para o próximo domingo 13 de novembro a partires das 13:00

O Regadas trae plan de magosto para o próximo domingo 13 de novembro a partires das 13:00. Unha xornada especial coa presentación ao vivo do 1º álbum dos TRES PÉS, “Tres pés para…un Suso”. Xosé Constenla, Roberto Sobrado [veciño d´O Carballiño] e O Leo arrexuntan folgos para ofrecernos unha revisión da obra de Suso Vaamonde, coa que reivindican a unha das voces máis importantes da nosa música combatente. Dende finais dos 60, pasando polo colectivo Voces Ceives e ata o seu pasamento no 2000, o cantor de Ponte Caldelas deixou un feixe de temas inesquecibles, dos que agora os TRES PÉS recollen parte “enlatándoos” nun fermoso traballo no suman a visión particular de cada un deles arredor da música agasallándonos un resultados marabilloso: raiba, tenrura, espranza, ironía, denuncia, amor, futuro… Todo ben maceradiño nun cóctel de flores plenas de luz coma as do grafiti de Banksy.

Tras do concerto, O Regadas proponvos un xantar popular a base de caldo de tempada, lacón asado co seu guiso e castañas. O xantar incluirá unha consumición (viño, cervexa, auga ou refresco) e café de pota. Por suposto, haberá opción vexetariana/vegana.