O presidente provincial destacou que esta publicación, froito da cooperación institucional, “non é só un manual técnico, senón un recoñecemento público a un traballo diario que durante moito tempo permaneceu invisible, pero que sostén a vida de moitas persoas”
Baixo o lema “Coidarse para coidar”, a guía ofrece apoio emocional, orientación psicolóxica e consellos prácticos sobre alimentación, hixiene, mobilizacións, xestión do estrés e actuación ante situacións de urxencia
A publicación conta tamén cunha versión dixital accesible mediante código QR, que permitirá a súa actualización continua e facilitará o acceso inmediato desde dispositivos móbiles, así como coñecer de forma anónima o uso do documento para mellorar a resposta asistencial segundo as necesidades reais da cidadanía



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ourense, 10 de febreiro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor hoxe o labor “esencial, profundamente humano e durante demasiado tempo invisible” que desenvolven as persoas coidadoras durante a presentación da Guía para Persoas Coidadoras, unha ferramenta práctica concibida para apoiar, orientar e acompañar a quen coida de persoas maiores, dependentes ou enfermas na provincia.
Durante o acto, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, Menor subliñou que a guía “non é só un documento técnico, senón un recoñecemento público a quen sostén en silencio o corazón de moitas familias ourensás”, e destacou que “non hai tarefa máis xenerosa nin máis necesaria ca a do coidado”.
Nunha provincia cunha realidade demográfica marcada polo avellentamento, o presidente provincial sinalou que as persoas coidadoras “son un piar fundamental do benestar social”, ao garantir cada día a dignidade e a atención das persoas en situación de dependencia. “Coidar non é doado, cansa e moitas veces faise en soidade, e por iso as administracións temos a obriga de acompañar e ofrecer ferramentas útiles”, afirmou.
Un traballo colaborativo e pegado á realidade
A guía é froito da colaboración entre a Deputación de Ourense e o Servizo Galego de Saúde, a través da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, e contou coa participación dun equipo multidisciplinar integrado por profesionais da enfermaría, nutrición, traballo social, fisioterapia e medicina.
Menor agradeceu expresamente o traballo das 59 persoas que participaron na redacción e revisión do documento e destacou que “esta guía non se fixo só desde os despachos”, xa que incorporou a experiencia directa de persoas coidadoras de concellos como O Barco, Vilamartín, A Pobra de Trives, Castro Caldelas ou Ourense, co obxectivo de garantir que sexa unha ferramenta práctica, clara e realmente útil no día a día.
“Coidarse para coidar”
Baixo o lema “Coidarse para coidar”, a guía ofrece apoio emocional, orientación psicolóxica e consellos prácticos sobre alimentación, hixiene, mobilizacións, xestión do estrés e actuación ante situacións de urxencia. Segundo explicou o presidente, trátase dunha ferramenta pensada para “acompañar, aliviar e dar respostas reais ás necesidades das persoas coidadoras”.
A publicación conta tamén cunha versión dixital accesible mediante código QR, que permitirá a súa actualización continua e facilitará o acceso inmediato desde dispositivos móbiles, así como coñecer de forma anónima o uso do documento para mellorar a resposta asistencial segundo as necesidades reais da cidadanía.
Unha nova etapa de cooperación sociosanitaria
No seu discurso, Luis Menor destacou que esta guía “marca un punto de inflexión” na coordinación entre a atención sanitaria e os servizos sociais na provincia, apostando por un modelo baseado na cooperación entre os profesionais de enfermaría, o traballo social de proximidade dos concellos e o terceiro sector.
“Coidar a quen coida non é unha opción política, é un deber moral e unha necesidade social para garantir o futuro da nosa provincia”, afirmou o presidente, quen insistiu na importancia de poñer o foco na saúde mental das persoas coidadoras e combater a soidade e o esgotamento.
O acto pechouse cunha mensaxe directa ás persoas coidadoras, ás que Menor agradeceu o seu labor diario por “facer de Ourense unha provincia máis humana”, reafirmando o compromiso da institución provincial: “Fagamos entre todos unha provincia que coida”.

















