O programa do Entroido non rematará ata mañá no Carballiño, tras 10 días de actividades organizadas pola Concellería de Cultura, e que neste domingo, 22 de febreiro, terán a quenda de promoción por parte da Concellería de Turismo, cunha ampla oferta gastronómica e de lecer, coa celebración da ‘XXXI Festa da Cachucha’. Así, a partir das 11,00 horas haberá animación musical nas rúas e, ás 11,30 horas comezará o desfile de folións, comparsas e charangas polas rúas máis céntricas da vila, cunha nutrida representación das agrupacións tradicionais procedentes doutras localidades da provincia de Ourense.
O xantar comezará ás 14,00 horas nos diferentes establecementos de hostalería participantes, de xeito que a oferta gastronómica virá da man dos restaurantes Derby, Esclavo, Mesón O Noso Lar, Pulpería Carral, O Pituxo, A Maquía, Pulpería O Carballiño, Las Cubanitas, Fuchela, Parrillada San Andrés, Asador Veracruz, Soldado, Parrillada Os Amigos, Ernesto Patio Bar, O Pendello, Casa María, Pulpería Ruzo, Mesón O Arrabaldo e Os Álamos, Bar La Última, Café Bar Ananás, Bohemian, Tapería A Comarca, Mesón Pazo de Outeiro e Aparthotel Arenteiro.
Unha gran cita do ‘Domingo de Piñata’ que cada ano convoca a centos de persoas procedentes non só de toda a provincia de Ourense senón tamén do resto de Galicia, para degustar carne cocida de porco e de tenreira ao caldeiro, acompañada por grelos ou couba, garabanzos, pan de Cea e viño do Ribeiro, auga, refrescos, postres típicos da época coma orellas e filloas, café e licores, con prezos que oscilan entre os 20 e os 40 euros.
E ás 17,00 horas inicarase o ‘Gran Desfile da Cachucha’, no que cobrarán especial protagonismo as mellores comparsas que participaron no concurso organizado polo Concello do Carballiño o pasado Martes de Entroido, entre outras agrupacións xa confirmadas.
A xornada festiva rematará ás 19,00 horas cun animado baile a cargo da Orquesta Claxxon na Praza Maior da vila.















