O PP de Ribadavia denuncia que o actual goberno emprega as canles oficiais do concello para mentir á cidadanía

Os populares sinalan que o actual goberno leva máis dun mes empregando as canles oficiais do concello, concretamente as notas de prensa e as RRSS, para mentir á veciñanza de Ribadavia.

Publicidade

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia denuncia que o actual goberno de Ribadavia está empregando as canles oficiais do concello, concretamente as notas de prensa e as RRSS, para mentir á cidadanía de Ribadavia. O goberno socialista, en lugar de traballar, leva máis dun mes instalado na mentira e na propaganda partidista, unha cousa que, por outra parte, non é de estrañar cando estamos falando dun goberno que chegou ao poder sen proxecto para Ribadavia e coa única finalidade de darlle un entretemento a un grupo de xente que non tiña outra cousa que facer.

Era previsible que o goberno socialista centrara os seus esforzos na propaganda cando no seu orzamento municipal a medida estrella foi incrementar a partida destinada a propaganda nun 44%, a partida que experimentou o maior ascenso das existentes no orzamento municipal. Pero o lamentable é que incrementaran esta partida para mentir á cidadanía.

Entre as reiteradas mentiras que se están trasladando dende o goberno municipal destacan que se negara que xa existía un convenio con Confederación Hidrográfica para o arranxo do saneamento de San Cristovo, aprobado polo Pleno do Concello de Ribadavia na súa sesión do mes de maio de 2020; que se negara a existencia dun preacordo con ADIF para a cesión das vivendas da Estación de tren para a construción do albergue “Estación Liberdade”, cando hai documentación que o acredita; que ocultaran que a subvención do IDAE que se confirmou hai unhas semanas foi un proxecto aprobado pola Xunta de Goberno Local do 15 de xuño de 2020 e ratificado polo Pleno do 25 de xuño de 2020; ou negar que as obras que se executaron no Camiño do Val en Francelos e que agora se están a executar en Fondo de Vila en Santo André e no camiño do Coto en Sampaio estanse a executar grazas ao convenio do PIR asinado polo anterior goberno coa Xunta de Galicia en decembro de 2020, que implica unha financiación do 100% do custe da execución da obra e que, ademais, é a primeira vez que o concello de Ribadavia asina un convenio no programa do PIR dende que este programa se creou no ano 2017.

Os populares agardan que o goberno de Ribadavia se deixe de mentiras e propaganda e comece a traballar porque, a día de hoxe, despois de mais dun mes dende que presentaran a moción de censura, a iniciativa real do novo goberno é nula, a pesares de que a súa comunicación baleira de contidos reais e chea de mentiras é moi abundante.