O alcalde de Ribadavia, César Fernández, vén de decretar a desactivación do Nivel 0 – Prealerta (Preemerxencia) do Plan de Emerxencia Municipal por Inundacións (PEMU), que fora activado con data 9 de febreiro de 2026 como medida preventiva ante o risco de inundacións no municipio.
A decisión adoptouse unha vez avaliadas as condicións meteorolóxicas e a evolución da situación hidrolóxica, que permiten dar por finalizada a fase de prealerta e retornar á normalidade, logo do seguimento realizado en coordinación co Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA).
O Concello procedeu a comunicar oficialmente a desactivación do Nivel 0 ao Centro de Emerxencias 112 Galicia, así como á Xefatura Provincial de Emerxencias, á Subdelegación do Goberno e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para os efectos oportunos.
Dende a Alcaldía quérese agradecer a colaboración dos servizos de emerxencias, do persoal municipal e da veciñanza durante o período de activación preventiva, destacando a importancia da coordinación institucional e da responsabilidade cidadá para garantir a seguridade colectiva.

















