O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu debate na Corporación do Carballiño na que solicita a elaboración de un plan de bacheos de urxencia que resolva con celeridade a situación na que se atopan as rúas da vila, e, tamén, pide “que se efectúe unha auditoría externa sobre as obras dos últimos anos para valorar a orixe dos problemas e previr os que se poidan presentar no futuro”.
Esta formación política lembra as reiteradas queixas sobre o lamentable estado que presenta a rede viaria municipal. “Non cómpre esforzarse moito para atopar fochancas e máis fochancas, algunhas tan grandes que semellan trincheiras. Circular en calquera tipo de vehículo polo Carballiño xa entra na categoría de aventura perigosa e o reto é non desfacer as rodas ou chocar contra outro coche ao tentar esquivar os buratos”, e que, apuntan, son ignoradas polo goberno municipal de PSOE e Partido Popular a pesares das reiteradas advertencias por parte da oposición e dos propios veciños.
Entre as vías urbanas, citan as rúas Julio Rodríguez Soto, Evaristo Vaamonde ou Colombia, e as que recentemente foron obxecto de reparacións, “e que, ao pouco tempo de recepcionadas, comezaron a encherse de gretas e de buratos”, como a rúas Carreira ou Aquilino Aquilino Sánchez. “Ésta última é un triste monumento á ineficacia política e ao malgasto de cartos públicos. Nos últimos 10 anos van, polo menos, tres intervencións, cun custo superior aos 300.000 € e que está, a día de hoxe, nun estado deplorable. Pior ca nunca”, salientan dende Espazo Común.
E lamentan que “as explicacións do goberno a esta desfeita son, cando menos, unha falla de respecto aos veciños e ao sentido común” e critican a “indolencia” e “irresponsabilidade” dos 11 concelleiros actuais do goberno local “PPSOE”, dos que seis cobran un salario do Concello e un máis da Deputación.
















