O Auditorio do Carballiño acolle este sábado a primeira parada da obra “ICTUS” da compañía Chévere, despois da súa estrea en Santiago de Compostela a pasada fin de semana. O fío condutor da peza é o cadro “A derradeira leción do mestre”, a derradeira pintura que Castelao asinou no exilio, cando xa case estaba cego. Diego Fernández, concelleiro de Cultura, invita á poboación a achegarse ao Auditorio Manuel María e desfrutar da nova proposta de Chévere. “É unha das grandes compañías teatrais de toda Galicia, e esta seguramente sexa unha das obras do ano no panorama galego”, asegura o edil.
A obra teatral, que encheu tres días consecutivos o Auditorio de Galicia, propón unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro desde o acto de recibimento organizado polo goberno galego en 2018 ata a presentación do cadro, no Centro Ourensán de Bos Aires en 1945, durante o acto en memoria de Alexandre Bóveda, asasinado polos militares golpistas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Quizais o maior desafío escénico que teñamos asumido ata agora pola complexidade para abordar o tema desde o teatro documental e usando unha narrativa accesible a persoas xordas e persoas cegas”, apuntan desde Chévere. O resultado é unha obra que invita a entender como se constrúen e disputan as narrativas da memoria.
O espectáculo é unha coprodución co Centro Dramático Nacional e foi recoñecido cunha das axudas a proxectos escénicos de Agadic. A cita no Carballiño é este sábado, día 28 de febreiro, ás 20,00 horas no Auditorio Municipal. O prezo da entrada é de 5 euros e pódese adquirir no despacho de billetes desde ás 19,00 horas.

















