O Concello do Carballiño conmemora o 8M, Día Internacional da Muller, cunha programación especialmente dedicada á concienciación das novas xeracións. Silvia Baranda, concelleira de Igualdade, presentou esta mañá a programación deste ano, que inclúe un acto central con participación dos centros educativos, un obradoiro contra a violencia sexual e obradoiros de flores. “Queremos que os nosos nenos e nenas participen e se involucren na igualdade. Aínda queda moito por facer e parece que a sociedade está volvendo un pouco para atrás nalgúns temas”, apuntou Baranda.
O acto central da programación levarase a cabo o vindeiro venres, 6 de marzo, ás 12,00 horas na Praza Maior. “Facémolo ao aire libre, se o tempo o permite, para que sexa máis participativo e se poida achegar toda a xente que queira”, detallou a concelleira. As actividades continúan os días 10 e 17 de marzo cun obradoiro de arranxos primaverais con flor natural seca, impartido por Rita Soto. “Xa fixemos este tipo de obradoiros en Nadal e tiveron moi boa acollida entre as veciñas”, resaltou Baranda.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A programación tamén inclúe o obradoiro “Agresión off: eu digo non á violencia sexual” no IES Nº1, o xoves 26 de marzo. “Cada ano levamos actividades a un centro educativo distinto para achegarnos aos máis novos”, salientou a edila.
Finalmente, levarase a cabo unha andaina conmemorativa do 8M. “Debido á meteoroloxía aínda non podemos fixar a data, imos esperar a que chegue a primavera e faga mellor tempo”, adiantou.
















