O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Ribeiro organiza este sábado, 28 de febreiro, ás 19,00 horas, un acto público na casa da Asociación de Veciños de Laias, no municipio de Cenlle, para conmemorar o Día de Rosalía, unha xornada de reivindicación da nosa lingua, da nosa cultura e do legado dunha das figuras centrais da literatura galega. O acto combinará intervencións institucionais, poesía e música, nun formato aberto á veciñanza.
A apertura correrá a cargo da organización, cunha breve contextualización do significado desta data. A continuación, Carmen Fernández, concelleira en Cenlle, dará lectura ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), reafirmando o compromiso coa defensa e promoción do galego. O programa continuará cunha lectura colectiva de poemas de Rosalía de Castro na que
participará o portavoz municipal do BNG, Xosé Gabriel, xunto con outros membros da organización.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Un dos momentos centrais da xornada será o recital de Carlos Abeledo, membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que combinará poemas propios con textos de Rosalía, establecendo un diálogo entre a tradición e a creación contemporánea. O acto pecharase coa actuación musical do cantautor Andrés Fernández, que porá o broche final a unha tarde de cultura e compromiso. Desde o BNG do Ribeiro sinalan que “celebrar o Día de Rosalía é reafirmar que a lingua galega é unha ferramenta de futuro e de dignidade colectiva. Rosalía representou a voz dun pobo que non se resignaba, e ese espírito segue plenamente vixente hoxe”.
Ao remate, convidarase ás persoas asistentes ao tradicional ‘Caldo de Gloria’, recuperando así unha das tradicións ligadas á figura de Rosalía de Castro e favorecendo un espazo de encontro e convivencia. O BNG do Ribeiro anima a toda a veciñanza a participar nun acto que pretende ser non só unha homenaxe literaria, senón tamén unha reivindicación viva da identidade galega.

















