A Xunta aproba o proxecto de expropiación dos terreos comunais do parque arqueolóxico de San Cibrán de Lás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia acaba de aprobar o proxecto de expropiación dos terreos do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. Así se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, onde se recolle a resolución definitiva deste trámite iniciado o pasado ano dando cumprimento así ao compromiso de completar o expediente antes de que remate 2026.

Tal e como se recolle na resolución, ao abeiro deste procedemento, o Goberno galego adquirirá as 15 hectáreas propiedade da Comunidade de Montes de Cristimil e A Torre por un importe de 241.962,43 €. Trátase dunha superficie incluída nas 20 hectáreas do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa e na que se inclúe o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las, un dos xacementos máis importantes de Galicia.

Cómpre lembrar que o trámite publicado hoxe chega despois do acordo asinado o pasado mes de setembro polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, co representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, propietarios dos terreos, para iniciar o procedemento da expropiación amigable e a declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 20 quilómetros da cidade de Ourense, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse iniciado, en maio do pasado ano, o expediente de incoación para declarar o conxunto como Ben de Interese Cultural.

Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente aínda en marcha destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------