Desde o Grupo Municipal Socialista do Concello de Leiro queremos trasladar á opinión pública o sucedido no último Pleno municipal en relación coas alegacións presentadas polo PSdeG á modificación da Ordenanza reguladora das axudas por nacemento. En primeiro lugar, queremos deixar absolutamente claro que as nosas alegacións non pretendían reducir a contía da axuda, nin suprimir dereitos, nin dificultar o acceso ás familias.
O seu obxectivo era único e moi concreto: garantir que as axudas cumpran verdadeiramente coa finalidade que a propia ordenanza proclama, isto é, fomentar a natalidade e contribuír á fixación de poboación real e efectiva en Leiro. Durante o debate plenario, tanto o alcalde do PP como a concelleira do BNG coincidiron en afirmar que o padrón municipal é o único instrumento válido para acreditar a residencia. Mesmo se chegou a afirmar que introducir o concepto de residencia real e efectiva sería innecesario, difícil de comprobar ou incluso discriminatorio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o Grupo Socialista non compartimos esa visión. O padrón é, sen dúbida, un rexistro administrativo fundamental. Pero cando unha ordenanza afirma que a súa finalidade é fixar poboación, resulta incoherente renunciar a establecer mecanismos que permitan comprobar que esa poboación desenvolve efectivamente a súa vida persoal, familiar e social no municipio. A nosa proposta era xuridicamente viable, proporcionada e perfectamente aplicable. Limitábase a incorporar no artigo 4 o concepto de residencia real e efectiva, acreditable mediante medios xa admitidos en dereito, como informes dos servizos sociais municipais, certificados complementarios ou outros medios de proba obxectivos.
Non se trataba de perseguir a ninguén, nin de cuestionar situacións persoais, senón de introducir coherencia normativa e responsabilidade no uso dos fondos públicos. Resulta especialmente chamativo que se argumentase que comprobar a residencia real sería “complexo” ou que “non compensa” polo reducido número de nenos beneficiarios. Precisamente porque somos un concello pequeno, onde cada euro conta, deberiamos extremar a responsabilidade na xestión dos recursos municipais.
Tamén queremos subliñar que en ningún momento defendemos discriminación ningunha. O que defendemos é equidade e coherencia: se o obxectivo é fixar poboación, a axuda debe priorizar a quen desenvolve aquí a súa vida diaria. Lamentamos que tanto PP como BNG votasen en contra das alegacións sen abrir un debate máis profundo sobre o fondo da cuestión, reducindo a discusión a unha defensa exclusiva do padrón como único criterio posible. O Grupo Municipal Socialista continuará defendendo políticas públicas que garantan: • Uso responsable e eficaz dos fondos municipais. • Coherencia entre os obxectivos declarados e os requisitos esixidos. • Transparencia e rigor na xestión. • Apoio real ás familias que viven e fan vida en Leiro.
Seguiremos traballando con responsabilidade, firmeza e respecto institucional para mellorar as ordenanzas municipais e para que cada decisión adoptada no Concello responda verdadeiramente ao interese xeral.









