“Contos Arredor de Nós” chega a Ribadavia o vindeiro domingo, 8 de marzo, da man de Alba de Vales

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vindeiro domingo 8 de marzo, ás 12,30 horas, o pavillón A Picuxa ou, se non chove, a Alameda de Ribadavia, acollerá o espectáculo de narración oral “Contos Arredor de Nós”, unha proposta artística de Alba de Vales con acceso libre para toda a veciñanza, organizada polo grupo de Acción de Feminista do BNG do Ribeiro con motivo do Día Internacional da Muller (8-M).

“Contos Arredor de Nós” é un espectáculo que recolle contos, historias e cantigas tradicionais que expresan o saber e o sentir do pobo, especialmente das mulleres e das comunidades oprimidas. Son relatos que poden parecer afastados no tempo, mais que continúan plenamente vixentes na realidade actual. A través da palabra viva, a proposta reivindica a memoria das devanceiras, a súa forza e a súa sabedoría e a capacidade de resistencia nun mundo historicamente dominado polos homes.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A creadora do espectáculo, Alba de Vales, inicia a súa traxectoria artística na adolescencia na Casa da Xuventude de Ourense, formándose en teatro e títeres. Licenciada en Teatro Xestual no Institut del Teatre de Catalunya, no 2013 crea un espectáculo de fin de estudos, logo pre-estreado no Museo Galego da Marioneta e estreado na MIT de Ribadavia no 2015, titulado “O palleiro”. No ano 2020 inicia o seu proxecto persoal “Á procura da xograresa”, no que investiga a súa identidade artística a través da narradora, da titiriteira e da música, inspirándose nos arquetipos das mulleres de aldea e na memoria da cultura galega.

Desde entón crea espectáculos unipersoais centrados na oralidade, como Contos Arredor do Lume, Unha Xograría de Aldea, Contos Arredor de Nós ou O Meu Corpo é Meu, este último cunha dimensión pedagóxica arredor do consentimento. Parellamente, colabora con compañías profesionais e o Centro Dramático Galego, e desenvolve unha intensa actividade pedagóxica en institutos e espazos comunitarios.

Deste xeito, “Contos Arredor de Nós” insírese nun percorrido artístico sólido e comprometido coa cultura galega, coa transmisión oral e coa visibilización das voces femininas e populares que construíron —e seguen construíndo— a nosa memoria colectiva.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------