A Xunta de Galicia suma xa máis de 3700 participantes no programa Parlamento Xove. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita aos equipos que participan na fase clasificatoria de Bacharelato que se celebra na Residencia de Tempo Libre do Carballiño e onde explicou que, desde a súa posta en marcha no ano 2010, esta iniciativa contou coa participación de máis de 750 equipos formados por mozos e mozas de diferentes idades.
“Parlamento Xove é un dos programas dirixidos á xuventude máis consolidados”, afirmou López Campos antes de engadir que o obxectivo desta actividade é fomentar entre a mocidade habilidades como o traballo en equipo, a expresión oral ou a argumentación razoada. Neste senso, puxo en valor a “profesionalidade dos participantes á hora de investigar e analizar temas que afectan á sociedade na que viven”, así como a súa capacidade como xeradores de pensamento.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A edición visitada polo representante da Xunta de Galicia, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, conta con 307 participantes en 64 equipos divididos en catro categorías: Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional, Universidade e, como novidade nesta edición, a modalidade Posformativa. No caso de hoxe, o conselleiro puido comprobar o nivel de oratoria dos 127 participantes da modalidade de Bacharelato que durante esta xornada buscan a clasificación de cara a fase final que se celebrará no Parlamento de Galicia no mes de xuño debatindo sobre a temática A dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe?”.
Neste senso, López Campos indicou que na edición deste ano, Parlamento Xove conta con dúas novidades “coas que intentamos mellorar a experiencia da mocidade”. Trátase, tal e como explicou, da creación da nova categoría Postformativa para aquelas persoas que queren seguir implicadas co programa e xa non están vencelladas ao sistema educativo e a segmentación dos temas por categorías na fase final para axustar os contidos á madurez e ao nivel de análise de cada grupo.
Máis de 3.600 persoas implicadas desde o 2010
Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que se celebra desde o ano 2010 na que os equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema coa dificultade de que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
Desde o seu inicio, e sumando a edición actual, terán debatido un total de 752 equipos de centros educativos galegos de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional ou universidades, cunha participación de 3638 persoas. Cómpre destacar que neste ano tamén se engaden por primeira vez os tres equipos e seis participantes que estrean a nova categoría, a Posformativa.

















