O grupo Socialista de Ribadavia denuncia que o alcalde do Concello volve perder por segundo ano consecutivo unha subvención de 40.000 euros destinada ao acondicionamento do punto limpo da Foz, unha infraestrutura que continúa pechada e sen prestar servizo á veciñanza. Aseguran que a axuda foi novamente denegada pola Xunta de Galicia ao non cumprir o proxecto cos requisitos necesarios para obter a licenza de actividade.
O PSOE de Ribadavia apunta que “o motivo segue sendo o mesmo: o acceso ao punto limpo desde a estrada OU-0305, titularidade da Deputación de Ourense, non cumpre as condicións técnicas necesarias para a manobra dos camións. O feito resulta especialmente chamativo porque o alcalde de Ribadavia é ao mesmo tempo vicepresidente da propia Deputación de Ourense, administración titular da estrada que debe autorizar esas condicións de acceso”.
Ao respecto, dende o grupo Socialista suliñan que nun informe da Deputación con data do 9 de marzo de 2026, emitido en resposta ás consultas realizadas polo Partido Socialista na Deputación de Ourense, indícase literalmente que ‘non consta que se teñan realizado as obras’ necesarias na estrada para cumprir coa autorización sectorial de acceso ao punto limpo. “Esta situación provoca que o punto limpo non poida obter a licenza de actividade, requisito imprescindible para acceder á subvención da Xunta de Galicia, que finalmente foi denegada por segunda vez consecutiva. A situación agrávase porque o Concello xa contratou e executou traballos de mellora por valor de 40.000 euros antes de recibir a subvención, polo que agora Ribadavia perde esa axuda e o diñeiro adiantado deixa de entrar nas arcas municipais”, engade a formación socialista.
O PSOE lamenta que, mentres tanto, “o punto limpo continúa pechado, obrigando aos veciños e veciñas de Ribadavia que queren depositar residuos a desprazarse a outros municipios. Segundo denuncian distintos usuarios, cando contactan co Concello reciben como resposta que poden acudir aos puntos limpos da mancomunidade de Leiro ou do Carballiño, onde incluso deben pagar polo servizo: primeiro a través dos seus impostos municipais e, ademais, na propia instalación doutro concello”.
Desde o grupo socialista lembran que un punto limpo é un servizo básico municipal e critican que, tras máis de 150.000 euros investidos na zona da Foz entre instalacións e colectores, a infraestrutura siga sen funcionar. Ademais, sinalan que xa advertiran no seu momento de que a localización do punto limpo na Foz non era a máis axeitada, propoñendo como alternativa o parque empresarial, unha zona máis adecuada para o acceso de vehículos pesados e para este tipo de instalacións.
Para o PSOE de Ribadavia, a situación evidencia un grave problema de xestión, xa que o Concello non foi capaz de resolver durante anos un requisito técnico básico que depende dunha administración na que o propio alcalde e ao mesmo tempo, vicepresidente da Deputación en Ourense, ten responsabilidades directas.

















