O BNG de Ribadavia lanza unha ofensiva institucional para recuperar as vivendas da estación do ferrocarril

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadavia vén de activar unha ofensiva política en diversos niveis institucionais —Concello e Congreso dos Deputados— para desbloquear a situación das vivendas de ADIF situadas na contorna da estación de tren, desocupadas desde hai anos e sen ningún uso social. A formación nacionalista denuncia que, malia existir xa acordos plenarios e iniciativas aprobadas nesta liña, o goberno municipal non deu ningún paso efectivo para recuperar estes inmobles.

O BNG lembra que Ribadavia sofre unha crise de acceso á vivenda que dificulta o asentamento de nova veciñanza. No propio documento municipal recoñécese que “a oferta é practicamente inexistente”, e que o municipio carece dun parque público que permita ofrecer alternativas reais á mocidade, ás familias con menos recursos ou ás persoas que queren establecerse no concello.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Neste contexto, o BNG considera incomprensible que continúen abandonadas as vivendas de titularidade de ADIF, unha empresa pública, “compostas por dous bloques cun total de 12 vivendas, actualmente desocupadas e en situación de abandono”. Para a formación, a súa recuperación é unha oportunidade evidente para frear o despoboamento e garantir vivenda accesible.

Por unha banda, o Grupo Municipal do BNG presentou unha nova moción no Concello de Ribadavia para que a corporación inste formalmente ao Goberno do Estado e a ADIF a transferir estes inmobles á Xunta de Galiza, co obxectivo de seren rehabilitados polo IGVS e destinados a aluguer social.

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xa rexistrou iniciativas parlamentarias dirixidas ao Ministerio de Transportes para esixir a transferencia inmediata das vivendas e poñer fin a anos de abandono e falta de xestión.

O BNG subliña que esta ofensiva chega despois de constatar que o goberno local non avanzou en ningún dos compromisos adquiridos en materia de vivenda, nin impulsou medidas efectivas para ampliar a oferta habitacional no municipio. A formación lembra que existen programas como o Rexurbe que avanzan con extrema lentitude, e que o Concello non pode seguir desentendéndose da situación.

A moción presentada reclama a colaboración entre Estado, Xunta e Concello para axilizar todos os procedementos e garantir que as vivendas poidan ser rehabilitadas e postas en uso no menor prazo posible. O BNG insiste en que Ribadavia non pode permitirse manter baleiros inmobles públicos mentres a veciñanza ten dificultades reais para acceder a unha vivenda digna.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------