O Concello de Ribadavia lembra a ampla programación de actividades prevista para a Semana Santa, cunha oferta que combina cultura, lecer, patrimonio e medidas de conciliación pensadas para todos os públicos. Entre o 2 e o 5 de abril, a vila converterase nun punto de referencia grazas a propostas como o festival Ribadavia Máxica, as visitas guiadas ao patrimonio histórico e iniciativas específicas para facilitar a conciliación das familias.
Un dos eixos centrais da programación será Ribadavia Máxica, que celebrará a súa quinta edición cun cartel que inclúe espectáculos de maxia social, infantil, familiar e de escena, ademais de obradoiros, galas e propostas de rúa.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O festival desenvolverase do 2 ao 5 de abril en distintos espazos da vila e contará con actividades ao longo de toda a xornada, consolidándose como unha das citas máis destacadas do ilusionismo en Galicia e un importante reclamo turístico.
Xunto á programación cultural, Ribadavia ofrece tamén a posibilidade de coñecer o seu patrimonio a través do ciclo de visitas guiadas “A Arte dos Monumentos”, organizado en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo de Ribadavia.
As visitas terán lugar entre o 2 e o 5 de abril, combinando propostas de balde —como San Domingos, a Igrexa de San Antonio ou o cemiterio— con outras de pago, como as visitas ao Castelo (3,50€).
Programación:
- Xoves, 2 de abril
- San Domingos, 12:30h (de balde)
- Castelo, 17:00h (3,50€)
- Venres, 3 de abril
- Castelo, 17:00h (3,50€)
- Sábado, 4 de abril
- Igrexa Franciscana de San Antonio, 12:30h (de balde)
- Castelo, 17:00h (3,50€)
- Domingo, 5 de abril
- Cemiterio, 12:30h (de balde)
No ámbito social, o Concello lembra tamén a posta en marcha do programa Concilia na Pascua 2026, dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos. A iniciativa desenvolverase os días 30 e 31 de marzo, 1 e 6 de abril, en horario de 8:30 a 14:00 horas, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante o período non lectivo. As cotas son de 20 euros para persoas empadroadas e 36 euros para non empadroadas, con descontos para familias numerosas, monoparentais, segundo irmán e menores con discapacidade.
Programación relixiosa de Semana Santa
No ámbito relixioso, Ribadavia volverá vivir con intensidade as celebracións propias destas datas, cun programa de misas e procesións organizado pola parroquia local e as confrarías.
Domingo de Ramos, 29 de marzo:
- 09:30h. Santa misa (Igrexa de San Xoán)
- 11:30h. Bendición de ramos e procesión (Praza de San Xoán)
- 12:00h. Santa misa (Igrexa de San Domingos)
Xoves Santo, 2 de abril:
- 11:00h. Celebración penitencial (Igrexa de San Antonio)
- 18:30h. Celebración da Cea do Señor (Igrexa de San Domingos)
- 21:00h. Procesión dos Caladiños (saída da Igrexa de Santiago)
- 22:00h. Hora Santa (Capela da Virxe do Portal)
Venres Santo, 3 de abril:
- 11:30h. Santo Encontro (Praza Maior)
- 18:30h. Celebración da Paixón do Señor (Igrexa de San Domingos)
- 19:30h. Procesión do Santo Enterro (Igrexa de San Domingos)
Sábado Santo, 4 de abril:
- 22:00h. Solemne Vixilia de Pascua (Igrexa de San Domingos)
Domingo de Pascua, 5 de abril:
- 11:00h. Santa misa (Igrexa de San Antonio)
- 12:00h. Santa misa (Igrexa de San Domingos)
A concelleira de Cultura e Turismo, Yolanda Gómez, sinala que “trátase dunha programación pensada para que Ribadavia sexa un destino completo durante a Semana Santa, con propostas para todas as idades e intereses”.
Neste sentido, destaca que “a combinación de eventos culturais, actividades patrimoniais e programas de conciliación permite dar resposta tanto ás persoas visitantes como á propia veciñanza”.
Dende o Concello subliñan que esta oferta global reforza o atractivo de Ribadavia nun dos períodos máis turísticos do ano, combinando tradición, cultura e dinamización social.

















