O 20 aniversario do Festival Arteficial celebrarase os vindeiros 4 e 5 de setembro de 2026 en Ribadavia, e conta xa co apoio do Concello de Ribadavia e da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), ademais da colaboración do Museo Etnolóxico, Estrella Galicia, Bodegas Gallegas (Gran Alanís), Destilerías Miño e Povarelo. Pero antes desa data central, e como forma de quecer motores e celebrar por todo o alto dúas décadas de traxectoria, o colectivo impulsa unha programación expandida en forma de xira, que percorrerá distintos puntos de Galicia nos meses previos.
Arteficial cumpre así 20 anos nos que levou a música e a creación contemporánea desde o rural galego a distintos puntos de Galicia, Portugal e espazos de ámbito estatal, consolidándose como unha iniciativa de referencia na defensa do acceso á cultura alternativa fóra dos grandes núcleos urbanos. Lonxe de formular esta efeméride como unha celebración puntual, o colectivo propón unha celebración estendida no tempo e no territorio, que busca compartir a súa identidade, a súa rede e a súa maneira de facer con novos públicos, sen perder o vínculo coa súa orixe. “Arteficial non é só un festival: é unha maneira de facer, de coidar, de resistir e de celebrar”, sinalan desde a organización.
Como parte desta 20ª edición, Arteficial presenta unha serie de concertos en colaboración con diferentes colectivos e espazos culturais, reforzando a súa aposta polo traballo en rede. Así, a banda francesa Mad Foxes será protagonista de tres datas clave: o 12 de xuño, na Abadía da Cova (O Saviñao, Ribeira Sacra); o 13 de xuño, en Surfing The Lérez (Pontevedra), e o 14 de xuño. no Club Clavicémbalo (Lugo). O prezo das entradas é de 10€ en www.ingresse.com. Estas citas desenvólvense en colaboración con A Seara Records, Facela Fest, Surfing The Lérez, Abadía da Cova, Adegas Moure e Bullet Seed, evidenciando o ecosistema cultural que Arteficial contribuíu a tecer ao longo dos anos.

A celebración tamén mira cara ao territorio máis próximo. Arteficial organiza unha fin de semana especial na contorna de Ribadavia coas bandas DELOBOS e Todas Las Batallas Perdidas, poñendo en valor os espazos culturais de proximidade: o 29 de maio, no Café Cultural Auriense da cidade, con entradas a 10€ en www.woutick.es. Ese mesmo día, a programación complétase cunha proposta paralela ás 19,30 horas no Secret Bridge (pinchada a cargo de David Diz) e en El Pueblo Café Cultural (sesión de Arteficial e artistas convidados). A cita para o 30 de maio será en A Granxa D’Outeiro (Francelos), tamén a 10€ en www.woutick.es, un concerto nun enclave singular, en contacto directo coa natureza e a comunidade.
Ao longo destas dúas décadas, Arteficial contou con máis dun cento de bandas e artistas de diferentes disciplinas, construíndo un colectivo vivo, con relevo xeracional constante e unha identidade marcada pola autoxestión, a colaboración e o arraigamento territorial. Esta programación especial non só conmemora o camiño percorrido, senón que reforza unha idea central: a cultura no rural non só é posible, senón necesaria. Con esta xira e o festival de setembro, Arteficial convida ao público a formar parte dunha celebración colectiva que non mira só ao pasado, senón que activa o presente e proxecta o futuro.

















