Foto: Pat Celta
O carballiñés Manuel Blanco Guerra, coñecido popularmente como “Manolo Celta”, vén de ser distinguido coa Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia correspondente ao ano 2025. Así se recolle na Resolución do 17 de abril de 2026 pola que se outorgan as devanditas distincións, publicada hoxe, luns, no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A resolución establece que os galardóns serán outorgados anualmente e en número non limitado por resolución do presidente da Xunta de Galicia, logo da proposta motivada do xurado cualificador.
Unha vida vencellada ao deporte en Carballiño
Falar de Manolo Celta é falar de deporte no Carballiño. Dende moi novo, Manuel Blanco foi promotor de numerosas iniciativas de carácter cultural e deportivo, sendo lembrado por varias xeracións polos seus estreitos vínculos co mundo do automobilismo, tanto como piloto como dende a vertente organizativa de probas, grazas á súa implicación na Escudería Carballiño.
No ámbito do tenis, ademais de ser xogador, impulsou diversos campionatos celebrados na vila. Tamén fixo algunha incursión no fútbol sala e, na actualidade, é un recoñecido participante nos distintos campionatos de golf que se celebran por toda a xeografía galega.
Porén, quizais os seus maiores esforzos e logros concéntranse no baloncesto, deporte do que se converteu na alma mater dos anos dourados desta modalidade en Carballiño, levando o club local a competir en categoría nacional.



Antecedente: Premio Arenteira 2017


Cómpre lembrar que no ano 2017, Manolo Celta xa fora galardoado co Premio Arenteira na súa modalidade de deportes, un recoñecemento ás súas achegas nas comarcas do Carballiño e O Ribeiro.

Na súa vontade de servicio Manolo tamén foi concelleiro no Carballiño no mandato 1995-1999

E dentro das múltiples ocupacións de Manolo non podemos esquecernos da fotografía. Hoxe en día segue estreitamente vinculado xa que é o Presidente da Asociación “O Potiños” que integrada por persoas que teñen un hobbie en común, A FOTOGRAFIA.

Con esta nova distinción, a Xunta de Galicia pon en valor unha vida enteira dedicada ao deporte, recoñecendo a traxectoria dun dos grandes impulsores da actividade deportiva e cultural da provincia de Ourense.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
















