O Centro Sociocomunitario do Carballiño vén de presentar unha serie de actividades que forman parte da programación puntual para este mes de maio, cunha oferta na que se combinan a prevención en saúde co fomento da creatividade.
Así, as instalacións do centro acollerán dúas conferencias dentro da ‘Escola Galega de Saúde’. O vindeiro luns, 11 de maio, está prevista unha charla de primeiros auxilios, que inclúe unha sesión práctica e teórica onde se aprenderán manobras vitais como a reanimación (RCP) ou como actuar de urxencia ante un atragoamento. Para o mércores 27 de maio, a temática centrarase en ofrecer técnicas e consellos para mellorar a calidade do sono e asegurar un descanso reparador.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A programación complétase con obradoiros de creatividade e manualidades, con dúas propostas prácticas de deseño téxtil. Os días 20 e 21 de maio e en horario de mañá, Yaliana, da firma carballiñesa Particulart, impartirá un taller de costura creativa, na que as persoas participantes aprenderán a confeccionar un moedeiro de tela. E os días 19 e 20, pero en horario de tarde, terá lugar un cursiño de pintura sobre tea no que se traballará na decoración e deseño de bolsas de praia en tela de yute.
Dende a dirección do Centro Sociocomunitario lembran que para tomar parte nestas actividades é obrigatoria a inscrición previa, e as persoas interesadas poden anotarse ou solicitar máis información dirixíndose directamente ao persoal da entidade.

















