O Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño recibe este domingo, 17 de maio, dentro da programación das Letras Galegas, á compañía Malasombra Producións coa súa peza “O proceso”, galardoada este mesmo luns nos Premios Follas Novas como mellor libro teatral. “É un orgullo enorme poder contar con esta obra de Malasombra, unha compañía que xa é un dos grandes referentes do panorama cultural galego”, resaltou esta mañá Diego Fernández, edil de Cultura, na presentación da peza.
“O proceso”, con guión e dirección de Cándido Pazó, está baseado nun acontecemento real da vida do poeta galego Manuel Curros Enríquez. “A peza achega ao público un fito histórico: cando Curros foi denunciado polo seu libro ‘Aires da miña terra’ polo bispo de Ourense”, detallou o actor Jouse García, integrante do elenco e veciño do Carballiño. “No espectáculo está reflectido todo o que ocorreu con datos históricos, e tamén coñecemos a personaxes da vila como o taberneiro, o zapateiro ou o boticario, o que enriquece moito a obra”, apuntou García.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Xoque Carbajal, Paula Pier e Marcos Orsi completan o elenco. Os catro actores dan vida a 11 personaxes diferentes, o que supón un traballo constante en escena e numerosos cambios de vestiario. “É unha obra moi divertida que está funcionando moi ben e que seguro que gusta moito”, asegurou García, quen, como veciño da vila, desfruta especialmente das representacións no Carballiño. Diego Valeiras, encargado do vestiario da peza teatral, tamén é carballiñés.
A función é este domingo, Día das Letras Galegas, ás 19,30 horas no Auditorio Municipal. As entradas teñen un custo de 5,00 euros e pódense adquirir media hora antes no despacho de billetes do Auditorio.
















