A Corporación Municipal do Carballiño deu luz verde por unanimidade ao proxecto de reforma e modernización da Praza de Abastos, que suporá a transformación total do espazo comercial, concretamente, o convenio de colaboración con Xunta e Deputación de Ourense para levar a cabo a intervención. En total, as obras suporán un investimento de 1.429.567 euros, dos que a Xunta aportará o 70% (sobre un millón de euros), a Deputación, o 20% (máis de 285.000 euros), e o Concello, o 10% restante (máis de 142.000 euros).
“É un convenio importantísimo que leva moito traballo detrás, realizado ao longo de varios anos. Primeiro fíxose un anteproxecto, logo unha mentorización e despois o proxecto final, todo grazas ao traballo deste grupo de goberno, especialmente, da concelleira de Comercio e Emprego, Diana González”, apuntou no pleno José Castro-Gil, alcalde en funcións. Na mesma liña, puxo en valor este “gran investimento” para modernizar o espazo e para dinamizar o tecido económico e comercial da vila.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Diana González destacou a colaboración e diálogo continuo cos praceiros e praceiras durante todo o proceso, no que sinalaron as súas necesidades e propuxeron medidas e melloras. “Finalmente, na praza teremos 17 postos, que aínda que supón unha pequena diminución do número actual, redunda en postos máis grandes, cómodos e competitivos”, indicou. A concelleira tamén adiantou que se realizará un novo proceso de asesoramento co colectivo durante o inicio da obra e o traslado. Por outra parte, unha vez arranque a intervención, redactaranse os pregos das concesións dos novos postos e espazos “tendo en conta as necesidades e dúbidas” dos praceiros.
Pola súa parte, Diego Fernández, concelleiro de Cultura, recordou que a reforma e modernización da praza era un dos “compromisos políticos” do goberno municipal que agora se fará realidade. “Cambiar o actual modelo da praza era para nós unha necesidade, así como adaptar e modernizar as instalacións, mellorar na competitividade e eficiencia… É un paso de xigante”, apuntou.
A intervención inclúe a reforma integral do interior do edificio, así como a mellora da zona exterior. Así, actuarase na fachada e cuberta e realizaranse traballos de albanelaría, carpintaría, vidraría, fontanería, electricidade, ventilación e climatización. Tamén se realizarán melloras en pavimentos e revestimentos, incidindo na accesibilidade, na protección contra incendios ou na xestión de residuos. A praza contará con dous espazos no interior: a planta baixa, onde estarán os postos dos praceiros, e a segunda planta, adicada á gastronomía, degustación e ocio, onde se colocarán negocios hostaleiros e haberá actividades lúdicas. A previsión é levar a cabo neste 2026 as actuacións previas e a adquisición de materiais para garantir a execución das obras no 2027.
Na mesma sesión plenaria, o grupo municipal de goberno rexeitou unha moción da concelleira non adscrita Sofía García -que sí apoiou Espazo Común- na que se solicitaba un plan de mellora e modernización das infraestruturas culturais existentes no Carballiño. Tamén cos 10 votos en contra de PSOE e PP, foron rexeitadas dúas mocións de Espazo Común. A primeira, relativa ao cambio de xestión no Asilo de Anciáns dos Irmáns Prieto, e, a segunda, sobre o documento asinado por socialistas e populares para formalizar o pacto de goberno hai agora dous anos.
















