A XXXVII edición das Xornadas de Folclore volve a converter a toda a provincia de Ourense na capital da música e baile de raíz global

Este festival, organizado pola Deputación e o Centro Cultural Xaquín Lorenzo co apoio da Xunta de Galicia, percorrerá a cidade e as vilas da provincia con actuacións entre o 8 e o 18 de agosto. Estarán grupos de Angola, Costa de Marfil, Indonesia, Colombia, Chile e México, cunha participación total de 200 persoas

Na presentación celebrada esta mañá, o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández resaltou o “alto interese dos ourensáns” por este evento e destacou que nestas trinta e sete edicións das xornadas “teñen pasado artistas dun centenar de países e dos cinco continentes”

AVANTAR ACTIVIDADES

As Xornadas de Folclore regresan á provincia de Ourense, organizadas pola Deputación e o Centro Cultural Xaquín Lorenzo co apoio da Xunta e con datas na capital e nas vilas entre o 8 e o 17 de agosto. “Esta é a cita cultural do verán de máis envergadura, máis intensa e máis esperada polos ourensáns”, resaltou o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, esta mañá na presentación da XXXVII edición destas xornadas, que se celebran de xeito ininterrompido dende 1984 salvo os dous anos de parón obrigado -2020 e 2021- polas restricións derivadas da pandemia. 

Rosendo Fernández estivo acompañado na sala de prensa do Pazo Provincial pola xefa territorial de Cultura da Xunta, Sandra Quintas, e o coordinador das xornadas, Xulio Fernández. O vicepresidente primeiro aproveitou a ocasión para recordar a importancia e o arraigo dun festival “que fai que a provincia se engalane de música, baile, danza, folclore e colorido, cun enorme expectación entre os veciños”, resaltando que nas Xornadas de Folclore “pasaron artistas de 100 países e dos 5 continentes”

Sandra Quintas eloxiou á organización das xornadas, “unha cita de envergadura e referencial nas vilas da provincia”. En calidade de alcaldesa de Bande, sinalou que estas xornadas son “un  dos eventos que enchen as nosas rúas e prazas, mostrando todos os anos como a xente agarda este evento con grande expectación”. Para a xefa territorial de Cultura, este festival “é un claro exemplo de colaboración entre administracións, e un exemplo para dinamizar a vida nas vilas e cidades”. 

Pola súa banda, o coordinador das Xornadas de Folclore, Xulio Fernández, salientou a dificultade de organizar este evento por mor do contexto internacional pero destacou como foi posible a súa realización grazas “a colaboración con varios festivais folclóricos de Portugal e España”. Fernández, que resaltou o apoio da Deputación, explicou que cada grupo realizará dous espectáculos en cada localidade -“permitindo que nunha xornada poidan gozar con seis espectáculos diferentes”- e avanzou a espectacularidade dunha montaxe perfilada para que “dende calquera posición, ata dende o punto máis afastado do escenario, o espectador poida desfrutar dun espectáculo grandioso, cheo de luz e de cor”. 

Grupos folclóricos procedentes de todo o mundo

Esta edición do festival folclórico destaca especialmente pola variedade de música tradicional que se poderá contemplar, xa que ós grupos participantes proveñen de puntos moi afastados entre si, converténdose Ourense, durante estas xornadas, no punto de encontro de distintas culturas, bailes e ritmos, acollendo a 200 persoas entre artistas e equipo técnico.

Dende Angola chega a Ourense o grupo Ballet Himalaya, o cal foi creado en 2018 en Luanda, capital de Angola, como organización sociocultural sen fins lucrativos, por unha trintena de mozos artistas procedentes de diferentes partes da cidade. Como membro do Consello Internacional de Danza, colabora con outras estruturas e organizacións culturais nacionais e internacionais, promovendo a música e a danza tradicional, creando grupos de folclore africano e organizando representacións culturais.

Costa de Marfil estará representada neste festival pola Compagnie Artistique Mien-Moh, que en lingua baulé significa “Grazas Deus”. Nada en 2016, grazas á paixón dun grupo de artistas, esta compañía ten o obxectivo de recoller as tradicións relacionadas coa música e o baile das aldeas do país coa intención de preservalas e transmitilas, principalmente entre os máis novos. Como sinais de identidade destes grupos destaca a súa disciplina, esixencia e calidade no escenario, mostrando alto un dinamismo e enerxía en todos os seus espectáculos.

Dende Chile, o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua, formado por medio centenar de integrantes, dedícase á recuperación, transmisión e posta en escena dos costumes e tradicións relacionadas co folclore do país chileno, participando dende o seu inicio en importantes festivais dentro e fóra de Chile.

Colombia, pola súa banda, estará presente no festival grazas á Compañía Internacional de Danza Paipa que presentará un repertorio composto por bailes de orixe antillano, caribeño, andino, do Pacífico, da Amazonía e outros de reminiscencias españolas. Os seus espectáculos adoitan ir acompañados dun colorido vestiario e alegres ritmos dirixidos polo conxunto musical.

Dende Indonesia chega o grupo Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya, creado en 1983 e no que durante o seu longo periplo teñen participado numerosas xeracións de estudantes que completaron a súa formación académica cos coñecementos vencellados á música e o baile tradicional indonesio. Durante estas xornadas presentarán un percorrido polas diferentes illas e rexións de Indonesia -Sumatra, Malay, Borneo, Java, Jakarta-, ofrecendo un variado e vistoso espectáculo. 

México tamén estará presente no festival a través do grupo de Ballet Folklórico do Instituto Tecnológico de Celaya, quen dende 1974 busca preservar e difundir a danza tradicional mexicana para preservar as raíces da identidade nacional. 

Unhas xornadas que percorrerán a  provincia de Ourense

Os diferentes grupos folclóricos percorreran durante os vindeiros días diferentes localidades da provincia, achegando así os bailes e músicas tradicionais dos seus países de orixe a todos os ourensáns. O punto de partida dos diferentes grupos será a capital provincial, onde o luns, 8 de agosto, terá lugar a cerimonia de apertura do festival no Teatro Principal as 20,30 horas. 

O martes 9 de agosto, os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile estarán en Bande, onde ás 20.30 horas realizarán unha actuación folclórica. Pola súa banda, o resto de grupos visitarán A Rúa, onde mostrarán a música tradicional do seus países as 20.30 no parque do Aguillón.

Celanova recibirá ó día seguinte, mércores 10, ós grupos de Angola, Colombia e México, que actuarán as  20,30 horas no claustro do mosteiro. Dúas horas despois, os artistas de Costa de Marfil, Indonesia e Chile sairán ó escenario na localidade do Carballiño.

O xoves será turno para Allariz (os grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile estarán dende as 22,30 horas no Campo da Barreira) e Maceda (as compañías de Angola, Colombia e México, dende as 22,30 horas no patio do colexio). 

Xa na xornada do venres, os grupos Compagnie Artistique Mien-Moh, Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya e o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua mostrarán as súas tradicións musicais no patio do colexio de Manzaneda, ás 22.30 horas. E a Compañía Internacional de Danza Paipa, o Ballet Himalaya  e o Ballet Folklórico Instituto Tecnológico de Celaya realizarán o propio á mesma hora na Praza do Prado, en Castro Caldelas.

Viana e Entrimo recibirán o sábado 13 os artistas: na primeira localidade, estarán os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile -22,30 horas, na Praza Maior-, e na segunda actuarán Angola Colombia e México -20,30 horas, Alameda-. 

Na xornada do domingo, Xinzo acollerá un desfile dos grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile, que partirá ás 20,00 horas dende a rúa Toural ata a praza de Carlos Casares, onde as 20,30 horas terá lugar o festival folclórico. Durante este día, Trives tamén poderá desfrutar deste evento, xa que ás 22,30 horas, no patio do colexio de Santa Leonor, terá lugar a actuación dos artistas de Angola, Colombia e México.

O día 15 de agosto, ás 22.30 horas, en Verín e O Barco terán lugar as actuacións folclóricas dos grupos participantes neste festival. Para o martes 16 de agosto, o protagonismo recaerá de novo na capital provincial, onde todos os grupos participantes percorrerán dende as 22,30 horas o núcleo histórico da cidade, partindo dende o parque de San Lázaro e rematando na Praza Maior, cunha actuación conxunta a partir das 23,00 horas. 

E como fin de festa, o mércores 17, no auditorio do Castelo de Ribadavia, todos os grupos darán peche ao festival cunha actuación que porá, dende as 23,00 horas, punto e final ás XXXVII Xornadas de Folclore