O grupo socialista esíxelle á Xunta que garanta unhas mínimas condicións laborais dignas para os brigadistas das helitransportadas contratados á privada

Carmen Rodríguez Dacosta denuncia a “semiescravitude laboral” destes traballadores e reivindica un servizo de prevención e loita contra o lume “único, profesional, estable e equidade dependente da Xunta

Santiago de Compostela, 07 de outubro de 2022. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta que garanta unhas “mínimas condicións laborais dignas” para os 160 brigadistas das helitransportadas que contrata nunha empresa privada nas temporadas de incendios. A responsable socialista presentou unha iniciativa neste sentido na Comisión de Agricultura do Parlamento, que foi rexeitada polo PP.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista acusou ao goberno galego de tolerar unha situación de “semiescravitude laboral” para uns traballadores obrigados a asumir ciclos laborais de dúas semanas sen descanso, realizando “toas aquelas horas extraordinarias” que lles demanden “por causas estruturais e de forza maior”. Este persoal, dixo, realiza o mesmo traballo que o persoal da Xunta pero “en peores condicións laborais e salariais”.

Ademais da penosidade que teñen que padecer, dixo, con horarios interminables aos que acoden con roupa entregada en mal estado que se ven obrigados a coser da súa propia man, este ano cobraron 1.100 euros, incluíndo un euro ao día en concepto de perigosidade. Este salario mesmo está por debaixo dos 1.108 euros que cobraron na campaña de 2012, nove anos antes.

Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle á Xunta que se preocupe da situación deste persoal, que segundo sinalan os medios de comunicación chegou a ser represaliado por alzar a voz denunciando a súa situación. Así sucedeu cun dos traballadores, que logo de reclamar en 2021 pedindo mellores condicións laborais atopouse con que este ano non lle subscribiron o contrato.

Rodríguez Dacosta reclamoulle á Xunta que garanta as condicións laborais destes brigadistas contratados pola privada “a resultas do contrato correspondente ao servizo integral de helicópteros e brigadas destinadas á defensa contra os incendios forestais para os anos 2020, 2021 e 2022.
Tamén reclama neste sentido “a creación dun servizo de prevención e loita contra o lume único, profesional, estable e equipado dependente da Xunta de Galicia”.