O BNG pide beirarrúas na baixada do Cercado e completar o enlace coa estrada de Mourillós

  • As nacionalistas advirten que o tramo inicial da rúa é perigoso para peóns e vehículos e que o tráfico se incrementou co traslado ao auditorio de actividades da Escola de Música.
  • BNG volve reclamar que se elabore un plan de mobilidade, consensuado con asociacións e veciñanza, e que se deixen de improvisar solucións como os dous aparcadoiros que se crean coa etiqueta de “provisionais”.

 O BNG de Celanova chama a atención sobre o perigo para os peóns nos accesos á rúa Cercado desde a avenida de San Rosendo e solicitará do goberno municipal o compromiso de acometer unha intervención urxente habilitando beirarrúas en ambos lados da estrada e reorganizando o tráfico rodado.

Publicidade

O BNG rexistrará nos próximos días unha moción de cara ao pleno ordinario de novembro na que propón que o Concello de Celanova dote esa rúa das correspondentes beirarrúas, tendo en conta que esa vía é moi transitada por peóns cara a gardería, o auditorio e mesmo o tanatorio, e que ese fluxo de veciñas e veciños de todas as idades incrementouse este curso co traslado de actividades da Escola de Música o auditorio.

As nacionalistas advirten ademais que, debido a que se deixou de executar o dereito de retranqueo nalgunhas das parcelas nas que se realizaron construcións, a estrada carece do ancho necesario para a circulación en dobre sentido, o que aumenta o perigo no tramo sen beirarrúas. Nesta situación e co interese de favorecer a seguridade tanto de peóns como de vehículos, o BNG considera que o Concello de Celanova debería estudar a posibilidade de determinar a circulación nun único sentido, completando o asfaltado e a adecuación da senda de baixada paralela ao Camiño do Manzano até a estrada de Mourillós.

Un plan, fronte a medidas improvisadas como aparcadoiros “provisionais”

En materia de mobilidade, o BNG de Celanova volverá reclamar no pleno un plan de mobilidade que parta dunha reflexión colectiva sobre o uso do espazo público na vila, unha demanda que as nacionalistas xa fixeron no mes de xaneiro, que o goberno municipal non quixo atender daquela. Meses despois, durante a desescalada, o Alcalde ordenou unha peonalización que as nacionalistas cualificaron no pleno como “unha chapuza”, froito da improvisación e que foi retirada pola forte contestación veciñal.

Agora, o goberno municipal anuncia, sen tela debatido sequera co resto dos grupos, que será habilitados dúas zonas de aparcadoiros “provisionais”.  O BNG saúda a medida e asume que é necesaria, mais discrepa do xeito de implementala, sen ter en conta e con carácter previo unha planificación e reordenación de tráficos na vila. As nacionalistas piden ao goberno municipal que abandone esta práctica de improvisación, dúbidas e provisionalidade nas intervencións nun asunto que compete a toda a veciñanza e o tecido social, e que xa se evidenciou como de luces curtas meses atrás. E insisten na necesidade desa reflexión colectiva, que abarque proxectos de peonalización (que o Alcalde dixo no verán que tiña, mais a oposición aínda non coñece), os cambios na mobilidade en xeral polos que se aposta e as infraestruturas (permanentes, non efémeras) que se precisan.